A primera fábrica de chips fotónicos de España comezará a funcionar en Vigo en 2027
O ministro para a Transformación Dixital e da Función Pública, Óscar López, o presidente de Zona Franca e alcalde de Vigo, Abel Caballero, o delegado do Consorcio, David Regades, e a primeira tenente de alcalde, Carmela Silva, presidiron este venres a colocación da primeira pedra da planta de fabricación de semiconductores fotónicos do proxecto Sparc, no Parque Tecnolóxico de Valladares, que xerará 750 empregos.
Abel Caballero incidiu hoxe na transcendencia do acto que marca o inicio da construción da planta de semiconductores fotónicos ao recalcar que "seguramente é o máis importante de toda a historia pola altísima tecnoloxía que se producirá en Vigo". Ante o ministro de Transformación Dixital, o delegado do Goberno en Galicia, o rector da Universidade de Vigo, e o delegado do Consorcio de Zona Franca, entre outros representantes institucionis, o rexedor indicou que “estamos no avance e na construción da planta. Algo que vai marcar futuro de todo o territorio e o futuro da altísima tecnoloxía de toda España”. Expresou o seu convencemento en que “o mundo enteiro vai participar do que sucede aquí” .
Caballero lembrou a aposta de Vigo fronte a unha Europa que elexiu a Francia e Alemaña e que non contaba con Vigo, " e Vigo dixo que aquí estamos”. Avanzou que “en 20 anos haberá unha industria no ámbito da defensa e drons importante, incidindo en que o PIB de 2025 subiu un 2,8%, o dobre que a media de Europa. "Eramos un pais lento e agora imos á cabeza do crecemento", afirmou.
O alcalde destacou que “detrás de todo isto está a tecnoloxía, a Universidade de Vigo, a Zona Franca e o Goberno de España”, para agradecer ao executivo central a súa “entrada” nun proxecto que permitirá aos universitarios coñecer as "grandes" posibilidades do momento.
O ministro para a Transformación Dixital, Óscar López, destacou que sen o impulso de Abel Caballero “non sería posible o proxecto da planta de semiconductores” e que Sparc “fará de Vigo unha das xoias da coroa da revolución dixital española". Esta empresa integra a España na cadea de montaxe europea de chips de última xeración, un ámbito imprescindible para a soberanía estratéxica nacional e comunitaria. Recalcou que “o apoio do Goberno contribúe á autonomía estratéxica de España e Europa e é unha aposta pola innovación para cubrir necesidades en sectores en permanente evolución como automoción, seguridade, comunicacións, computación cuántica, electrónica de consumo ou medicina”.
“Hoxe damos un paso máis na xestación dun súper proxecto tecnolóxico que naceu dunha universidade pública e que estará plenamente operativo en 2027. Unha mostra clara do Estado emprendedor que representa o Goberno de España”, recalcou o ministro.
López incidiu en que Europa “representa menos do 10% da capacidade mundial de produción de semiconductores” e que “Sparc contribuirá a reducir ese déficit grazas á súa capacidade para producir 1.500 obleas ao ano. E Vigo será sinónimo de fotónica europea nun momento de carreira xeopolítica polas novas tecnoloxías”.
A primeira tenente de alcalde, Carmela Silva, puxo en valor o inicio da iniciativa industrial que materializa a “aposta polo futuro tecnolóxico do noso país” coa que se “reforza o ecosistema de semiconductores desde Vigo". Destacou que se trata dunha industria de alto valor engadido, de “tecnoloxía punta que nos conecta coas cadeas de valor máis avanzadas a nivel global”.
Silva remarcou a transcendencia da Universidade de Vigo como “motor para a creación de industria e a transferencia de coñecemento cando existe unha estratexia compartida”, e que a nova planta de semiconductores fotónicos “é o noso modelo de cidade, da aposta pola industria, pola innovación e por un Vigo á vangarda tecnolóxica”. Incidiu en que o camiño “é a innovación e a transformación económica e tecnolóxica”.
Investimento
O Goberno de España participa na empresa de fotónica integrada, a través da Sociedade Española para a Transformación Tecnolóxica (SETT), cun investimento de 17,2 millóns de euros. Vigo contará cun ecosistema fotónico para dar resposta á alta demanda no mercado europeo, ao ofrecer unha capacidade teórica de 1.500 obleas ao ano no inicio da produción, co obxectivo de alcanzar as 20.000 obleas ao ano, con nulo ou mínimo impacto ambiental, así como crear preto de 200 postos de traballo directos de alto valor, ademais de 550 empregos indirectos.