Escoitar

Caballero urxe celeridade á Xunta para continuar catro obras

O alcalde lamenta a paralización da obra dos accesos á ermida da Guía, o túnel de Elduayen, as ramplas da Gran Vía e a Praza do Rei que seguen sen autorización nin resposta por parte do goberno autonómico.

mércores, 10 dec 2025

Abel Caballero reiterou hoxe que a Xunta de Galicia ten “paradas” catro actuacións municipais de grande relevancia para a cidade. Caballero explicou que a primeira das obras afectadas son os accesos á ermida da Guía. “O 14 de maio de 2025 enviamos á Xunta o proxecto de humanización solicitando a súa autorización. O 24 de novembro, case sete meses despois, non nos dan o visto bo. Requiren máis información. Reto á Xunta a que nos ensine onde está esa autorización que afirman que temos”, declarou. Engadiu que o Concello respondeu “nunha semana” achegando toda a documentación solicitada, “e segue todo parado”.

A segunda obra bloqueada é o túnel de Elduayen. O alcalde lembrou que o Concello continúa “agardando pola resolución de Medio Ambiente pola suposta anidación de paxaros na zona do Olivo”. Segundo detallou, a primeira remisión da documentación realizouse o 29 de maio, e o Concello reiterouna o 21 de outubro. “Seguimos esperando unha autorización imprescindible da Xunta para o túnel”, subliñou.

En terceiro lugar, Caballero referiuse ás ramplas mecánicas da Gran Vía. “Enviamos a petición de autorización o 29 de agosto. Levamos máis de tres meses esperando”. A cuarta actuación afectada é a reforma da Praza do Rei. “O 21 de outubro enviamos o proxecto básico e seguimos esperando. Outubro, novembro e decembro… e continuamos sen resposta”, denunciou.

Descargar todas as imaxes