Escoitar

O Pleno Municipal aproba a integración de CEDRO no Sergas

O Concello xestionaba ata agora a Unidade Asistencial de Atención á Drogodependencia de Vigo con máis de 1000 pacientes, asumindo unha competencia autonómica. Desde o 1 de xaneiro de 2026 queda transferida ao Sergas coa cesión do inmoble e o mantemento do persoal.

mércores, 10 dec 2025
Momento da votación no Pleno Extraordinario
Momento da votación no Pleno Extraordinario

A concelleira de Política Social, Yolanda Aguiar, expuxo no Pleno Extraordinario celebrado este mércores, o procedemento desenvolvido desde hai máis dunha década para conseguir a integración de Cedro no sistema público de saúde. “Vigo consegue que a Xunta de Galicia asuma a atención ás adicións como un servizo público esencial. A transferencia ao Sergas non é un agasallo, é un dereito das persoas enfermas longamente reivindicado por este Goberno. É o resultado da constancia da cidade, dos profesionais de CEDRO, das familias dos pacientes e dos propios enfermos que non aceptaron a anomalía”.

Tal e como apuntou Aguiar, a integración da atención á drogodependencia no Sergas mellora a prestación do servizo e, en consecuencia, a vida das persoas porque garante unha resposta integral dentro do sistema público de saúde. O Concello cede á Xunta o inmoble no que actualmente se atopa Cedro na rúa Pintor Colmeiro e garante o emprego dos 21 traballadores mantendo así os postos de traballo actuais, respectando os dereitos laborais, económicos e sociais “tras unha negociación de moito tempo coa Xunta de Galicia”.

Xabier Pérez Igrexas, voceiro do BNG, apuntou que a integración de CEDRO no Sergas é unha “boa noticia que chega tarde” e pediu blindar a continuidade do persoal. Fernando Abeijón, edil do PP, cualificou este paso como “moi positivo, necesario, lóxico e con garantía xurídica”.

A transferencia de Cedro ao Sergas quedou aprobada no Pleno cos votos a favor dos grupos socialista e popular e co voto en contra dos nacionalistas.

Descargar todas as imaxes