O alcalde salienta o éxito turístico de Vigo na ponte da Constitución
O Nadal atraeu a milleiros de turistas que encheron os hoteis ao 90% ao longo dos tres días.
Abel Caballero cualificou a longa fin de semana de “extraordinaria” tanto polo impacto turístico como polo funcionamento da cidade en todos os ámbitos. Segundo explicou, a ocupación hoteleira superou o 90% ao longo dos tres días, unha cifra que non só afectou a Vigo, senón tamén ao conxunto da contorna.
“Non só tiramos de Vigo, tamén acadamos niveis altísimos en Pontevedra, Sanxenxo, O Porriño, Tui, Cangas... A ocupación foi extraordinaria”, subliñou. Caballero augurou tamén que o pasado domingo será “o día con máis afluencia de turistas na historia da cidade de Vigo”.
Respecto á programación de Nadal, o rexedor destacou que “funcionou extraordinariamente ben”, tanto polo control dos volumes de son, como pola distribución das actividades en distintas zonas da cidade, o que permitiu unha xestión “moi eficaz” da afluencia de visitantes. “Demostramos unha vez máis que somos capaces de xestionar o Nadal en Vigo”, asegurou.
Do mesmo xeito, Caballero destacou que o tráfico funcionou de forma extraordinaria, mesmo en xornadas con chegadas masivas de vehículos procedentes de Portugal. “Somos capaces de xestionar o tráfico con enorme eficiencia”, afirmou. O alcalde explicou ademais que houbo absoluta facilidade para acceder aos garaxes das zonas máis céntricas, grazas a carrís especiais habilitados para este fin e ao apoio constante de Protección Civil.
Para finalizar, Caballero resaltou o ambiente que se vive estes días en Vigo: “Na cidade hai unha enorme felicidade. É a felicidade da economía, do emprego, do goce das persoas e das familias con nenos e nenas pequenas”.
Cabalgata de Reis
Abel Caballero tamén informou da adxudicación do servizo de deseño e produción das cinco carrozas municipais para a Cabalgata de Reis 2026, cun investimento superior aos 109.000 euros. A temática deste ano será “Maxia e Fantasía”.
A cidade volverá ter “unha cabalgata estática pola mañá, na avenida de Castelao, e despois faremos a cabalgata tradicional que sairá dende alí ata a o Bicentenario”, para despois proceder ao descenso das maxestades ata a Porta do Sol. O rexedor salientou que “imos ter de novo unha cabalgata marabillosa e imos facer que as nenas e os nenos de Vigo vexan ás súas maxestades os Reis de Oriente e que gocemos na tarde do día 5 de xaneiro coa mellor cabalgata de Reis do mundo”.