Escoitar

O Goberno municipal destina 466.000 euros á execución de varios muros de contención

O rexedor informou este venres da licitación do proxecto de rehabilitación do muro de peche no Camiño da Galindra en Castrelos, da execución dun muro de contención no Ceip Valle Inclán e outro no Camiño da Igrexa en Valladares.

venres, 5 dec 2025

A Xunta de Goberno Local deu luz verde este venres á licitación das obras do proxecto de rehabilitación do muro de peche e contención no Camiño Galindra, en Castrelos que ten un orzamento de 87.000 euros e un prazo previsto de execución de 2 meses. O proxecto contempla a rehabilitación e mellora dun muro tradicional, que se atopa parcialmente destruído, na fachada principal da urbanización de camiño da Galindra.

Ademais, quedou aprobada a licitación das obras do proxecto de execución dun muro de contención no CEIP Valle Inclán, Lavadores por un importe de 178.000 euros. Trátase dun muro de 5,50 metros de alto e 150 metros de lonxitude que presenta numerosas gretas. Na parte superior do talude, detrás do muro, hai unha zona verde de recreo para as escolares “polo que urxe a actuación para mellorar a seguridade do colexio”, explicou Caballero. Amais, a obra quedará conectada á rede de pluviais e utilizarase o recheo con terra entre o muro novo e o orixinal para volver xerar unha zona de recreo.

Tamén recibiu o visto bo municipal a licitación das obras para a construción dun muro de contención e peche no Camiño da Igrexa en Valladares por un importe superior aos 201.000 euros. O muro atópase na parcela do colexio Igrexa – Valladares e será substituído por un novo de granito con bloques para permitir o paso da auga e a drenaxe do terreo. Inclúe a reconstrución do pavimento da zona superior do aparcamento e a reposición das recollidas de pluviais, así como a plantación de doce novas árbores e a construción dunha nova beirarrúa.

Descargar todas as imaxes