Escoitar

Vigo arranca a ponte da Constitución cunha previsión de ocupación do 90%

A cidade volverá vivir unha fin de semana de “éxito” turístico cunha previsión de ocupación do 90%. Esta tarde arranca o Circo de Nadal para sumarse ás actividades organizadas en toda a cidade.

venres, 5 dec 2025

O alcalde avanzou esta mañá unha ocupación hoteleira que ronda o 90% no inicio da fin de semana dos festivos da Constitución e Inmaculada que volverá ser un “éxito” turístico. Segundo detallou, o venres superará o 75%, o sábado, superará o 91% e o domingo achegarase ao 90% de ocupación. Esta tarde comezará a funcionar o Circo de Nadal e mañá iluminarase a árbore de Vialia on Ice, tal e como aclarou Caballero.

Plan de Tráfico

Segundo o establecido no Plan de Mobilidade do Nadal, esta fin de semana de afluencia moi alta establécense medidas especiais de circulación. Coa experiencia da pasada fin de semana, van modificarse puntualmente algunhas medidas nos días laborables. Así, o acceso ás rúas García Barbón e Rosalía de Castro, desde Gran Vía e Urzáiz (sentido descendente) habilitarase pola rúa Cervantes, que a tal efecto cambia o seu sentido de circulación ordinario desde Alfonso XIII cara á rúa Urzáiz ao sentido contrario desde Urzáiz cara á rúa Alfonso XIII, desde ás 17:00 horas do día 05 de decembro ata as 22:00 horas do día 08 de decembro. Amais, o acceso aos aparcadoiros de Areal e Praza da Estrela deberá ser obrigatoriamente pola rúa Inés Pérez de Ceta, unha vez iniciados os cambios na circulación, non podendo acceder directamente dende a rotonda da Paelleira, con percorrido polas rúas Oporto, Rosalía de Castro e Inés Pérez de Ceta.

O Plan de Tráfico de Nadal pode consultarse na seguinte ligazón: https://hoxe.vigo.org/actualidade/avisos_vigo.php?id=2225

 

Descargar todas as imaxes