Escoitar

Abel Caballero reivindica a Constitución no seu 47º aniversario

O Concello conmemora o Día da Constitución cun acto no MARCO que contou coa lectura do bando a cargo de Germán Serrano, xuíz decano da cidade.

venres, 5 dec 2025

O acto do Día da Constitución de 2025 celebrado no MARCO comezou coa lectura do bando deste ano, a cargo do xuíz decano de Vigo, Germán Serrano, que valorou a fortaleza da Constitución tras corenta e sete anos vixente e defendeu o labor de todo o poder xudicial.

A continuación, interviu o rexedor, relatando que “hai corenta e sete anos depositei na urna o meu voto favorable á Constitución Española de 1978. Fíxeno con emoción, entusiasmo e, sobre todo, coa convicción de estar apoiando con todas as miñas forzas un proxecto decisivo para o futuro de España”. Proseguiu relatando a importancia que supoñía esta lei de leis para a superación da ditadura e que se referendou “por unha ampla maioría da cidadanía” coa que “fomos quen de superar aquelas ameazas e de iniciar a transformación compartida cara a un horizonte común”.

Abel Caballero aproveitou para analizar o papel dos municipios, concretando na nosa cidade, xa que “a Constitución do 78 deseñou a organización territorial do Estado que daba un papel moi destacado ás comunidades autónomas. Mentres tanto, as entidades locais, as cidades quedaron recollidas de forma esquemática, en apenas tres artigos”. Pero para o alcalde deixou claro un punto importante: as cidades teñen dereito á súa propia autonomía. O artigo 140 garante a personalidade xurídica propia e que poidan gobernarse e administrarse por si mesmas”.

Tamén explicou que “o artigo 142 establece que as cidades deben ter capacidade para decidir politicamente e tamén para financiarse. Para iso, contan con recursos e tributos propios, e con achegas do Estado e das comunidades autónomas”, pero “as comunidades autónomas foron asumindo cada vez máis competencias, mentres que o recoñecemento legal de competencias das cidades quedou xibarizado”. Caballero resaltou que “é necesario unha implicación activa por parte das comunidades autónomas, neste caso, Galicia, que dea cumprimento efectivo ao mandato constitucional”.

Caballero rematou tratando o ámbito da vivenda, “que se consolidou como un dos principais retos do país, a situación é particularmente preocupante”. Garantido no artigo 47 da Constitución, que proclama o dereito a unha vivenda digna. Sinalou a necesidade de afrontar este reto, sinalando que “cómpre lembrar que o Estatuto de Autonomía atribúe á comunidade autónoma de Galicia a competencia exclusiva en materia de vivenda” e explicou que no caso de Vigo, ”afronta unha demanda de máis de 7.000 vivendas de protección pública e a Comunidade Autónoma apenas promoveu 62. Evidénciase así unha insuficiencia manifesta das políticas públicas autonómicas nesta materia e estamos ante outro claro incumprimento da Constitución Española”.

 

Descargar todas as imaxes