O Concello transformará o barrio do Rocío en Coia enchéndoo de arte e cor
O alcalde e Carmela Silva visitaron este venres a zona onde o Goberno de Vigo desenvolverá unha intervención artística e urbana coa que a zona se converterá “nun referente en toda Europa” da man da gran muralista Lula Goce.
A Xunta de Goberno Local aprobou este venres a licitación da contratación da redacción do proxecto de obras de execución dunha intervención artística e urbana na zona do Rocío, en Coia. Un traballo que Caballero cualifica de “excepcional” e que supoñerá un “cambio radical; o nunca visto. Queremos que o Rocío sexa unha zona referente en toda Europa”.
Así, o goberno municipal desenvolverá un proxecto de acupuntura urbana para o barrio do Rocío, en concreto no ámbito situado entre a rúa Rocío e a rúa de Abaixo, no que se atopan un grupo de vivendas unifamiliares que datan dos anos 50 do século pasado. “Será unha gran acción urbana e artística coa que poñeremos en valor a singularidade do barrio, da súa forma de construción” mantendo o seu carácter unitario cunha “actuación de humanización, urbana e artística sensacional”, sinalou o rexedor.
O proxecto contempla a mellora dos espazos públicos para as persoas, sen alterar as características da estrutura urbana, reacondicionando os aparcamentos na rúa do Medio, de Abaixo e de Arriba, quedando o ámbito quedará de preferencia peonil.
O alcalde avanzou que o proxecto contará con Lula Goce, “unha das grandes muralistas do planeta” e da súa man “faremos un gran trazado artístico de murais e pinturas nos edificios e no chan de toda a zona”.