Caballero apoia a demanda dos radiólogos de incrementar o persoal de garda e urxencias nun especialista
O alcalde trasladou hoxe aos 20 especialistas de Radioloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro, que conforman o comité de folga, o seu apoio na reclamación á Xunta para que incremente a dotación de persoal dos servizos de garda e de urxencias coa incorporación dun radiólogo pasando dos 2 actuais a 3. “Demandan mellor atención aos pacientes sendo 3 e expóñeno con moita razón”, afirmou Caballero tras o encontro mantido na alcaldía.

Abel Caballero explicou este luns que os profesionais cos que se reuniu trasladáronlle que se ofrecen a ampliar as súas gardas nun día para mellorar a atención aos pacientes. “Sería máis rápida a atención nas urxencias de Vigo se houbese 3 radiólogos no canto de 2”, indicou.
“Poñen todo da súa parte para seguir facendo o traballo habitual máis unha garda adicional sendo 3 en lugar de 2 radiólogos de garda e creo que é unha proposta moi acertada” afirmou o alcalde ao incidir en que a Xunta "está a tratar de aforrar diñeiro en saúde, en sanidade en Vigo, e os radiólogos son un factor central dentro do proceso de diagnóstico, Apuntou tamén que a espera en radioloxía convencional na área sanitaria da Coruña é de 14,2 días fronte aos 34,8 de Vigo.
O alcalde insta ao presidente da Xunta a atender as peticións dos radiólogos e a negociar para chegar a un acordo “e dotar de máis medios porque a proposta que fan os especialistas é moi razoable e moi acertada".