O rexedor eríxese "defensor absoluto do sector da pesca" no XIII Congreso Internacional da FAO
Abel Caballero reafirmouse este luns, durante a apertura do XIII Congreso Internacional FAO, Conxemar e Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación “como defensor absoluto” do sector da pesca “porque sei da vosa solvencia, capacidade, dimensión e aval científico”. Sobre o desenvolvemento da XXVI edición de Conxemar, indicou a importancia de que a metade do Consello de Administración da Feira estea integrado por mulleres, fronte ás 3 compoñentes actuais.

“Conxemar, e este congreso de FAO sobre alimentación, é a forma de entender este planeta desde a cooperación e desde a paz”, afirmou hoxe o rexedor ante representantes tanto do organismo internacional como dos representantes das empresas que participan no Congreso Internacional sobre “Acuatic Food. Food Security”. Caballero, tras afirmar que “é imprescindible que chegue de forma inmediata a paz a Gaza”, lembrou que en 1995 o código de conduta da FAO cambiou a filosofía de entender a pesca, o mar e a cooperación internacional.
O rexedor recalcou o significado do congreso de FAO e da Feira Internacional Conxemar como “unha forma cooperativa científica, empresarial, de entender a pesca e a actividade nos mares” e chamou a alcanzar un “gran pacto, unha gran cooperación” entre a comunidade científica e as administracións para saber por onde avanzar. "Somos as administracións as que temos que marcar a senda para que as empresas, que crean miles de emprego e riqueza, teñan tamén claro o seu horizonte; teñan o seu marco xurídico e empresarial na claridade”.
Caballero apuntou que entre as ameazas do sector atópanse os “ataques” dun "falso ecoloxismo que non quere entender que os maiores amantes do mar sodes as empresas da pesca, as que defendedes o mar desde a vosa actuación”. Acto seguido remarcou a necesidade de realizar “un recordatorio” á Comisión da Pesca para que revisen as normas en augas profundas “porque dana empresas e cientificamente a posición da Unión Europea non está avalada”.
O alcalde transmitiu aos participantes internacionais a cultura centenaria de Vigo de “amor e respecto ao mar”.
Sostibilidade
Eloy García, presidente da Asociación Española de Produtores e Exportadores de Produtos do Mar Conxelados lembrou que o sector xera 58 millóns de empregos en todo o mundo, á vez que recalcou que a acuicultura representa o 50 por cento da produción da pesca “que debe xestionarse de forma responsable”. Destacou que a feira se celebra no medio do trixésimo aniversario da aprobación do Código de pesca responsable da FAO que ten por obxectivo garantir que a pesca non esgote os recursos, protexa os ecosistemas e a biodiversidade e promova a seguridade alimentaria e o benestar social das xeracións futuras, establecendo normas de comportamento para gobernos, pescadores, a industria e todas as partes interesadas.

