O alcalde felicita ao HC Cíes pola “idea soberbia” dun torneo internacional de hóckey a patíns en Bouzas
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou hoxe a disputa dun trofeo internacional solidario de hóckey a patíns para esta fin de semana (6 e 7 de setembro) no polideportivo municipal Pablo Beiro de Bouzas. O Hóckey Club Cíes organiza o evento co Concello de Vigo e o rexedor felicitou ao seu presidente, Leonardo Torres, “Tomba”, e a Elena Mosquera, a súa delegada, por “estar, apoiar e potenciar a loita contra unha enfermidade rara, a hiperplasia suprarrenal conxénita”.

“O hóckey a patíns é un deporte extraordinario, digno de verse”, afirmou Caballero, que explicou que en Bouzas veranse “clubs de moito nivel en hóckey”, tanto a nivel absoluto como de base, pois a entidade viguesa organizou un evento de base e elite que servirá tamén para fomentar o hóckey a patíns e cuxa recadación irá destinada á asociación que tenta amosar esta enfermidade rara.
Os dous días, a competición formativa irá das 9:00 á 18:00 horas e con entrada de balde, disputaranse partidos de base mixtos e femininos coa participación de HC Cíes (Vigo), Hoquei Club Ponteareas, Hóckey Club Raxoi (Santiago), Hóckey Oroso (Sigüeiro, Santiago), Club Compañía de María (A Coruña), Liceo (A Coruña), CD Berenguela (Santiago) e Valença Hóquei Clube (Portugal).
Despois, o Cíes preparou un dobre programa de amigables para o Deportivo Liceo herculino. O sábado, contra o vixente campión de Europa, o OC Barcelos (20:00 horas); o domingo, ás 18:00 horas fronte ao CH Carvalhos, que acaba de ascender á máxima división lusa. O prezo da entrada para cada un destes partidos de elite é de 3 euros; o abono, 5€. Liceo e Barcelos, ademais, acabaron subcampións das súas respectivas ligas en España e Portugal. Carvalhos é unha localidade situada a 15 quilómetros ao sueste do Porto.
A asociación agradeceu a iniciativa do Cíes e do Concello. “Veñen equipos de elite e queremos brindar a Vigo o mellor hóckey a nivel mundial”, sentenciou Tomba, que foi xogador no Benfica, o Liceo, o Barcelos, o Valença e o Vigo Stick antes de lanzarse a potenciar esta modalidade desde a base co HC Cíes, nacido en 2011. “O mellor hóckey é o que practicades no voso club”, rematou Caballero.