O Concello adicará 65 millóns ao mantemento das zonas verdes da cidade os próximos 5 anos
O goberno local vén de licitar o contrato de conservación das zonas verdes da cidade por un importe anual de preto de 13 millóns de euros. Na mesma Xunta de Goberno tamén se deu luz verde á licitación do mantemento dos parques, áreas de xogo ou mobiliario urbano, neste caso, cun orzamento que ascende a 9,5 millóns de euros para o próximo quinquenio.

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá a licitación do contrato de mantemento e conservación das zonas verdes da cidade, un contrato que terá unha duración de 5 anos e un importe que ascende a case 65 millóns de euros. Segundo sinalou o alcalde, este expediente contempla o mantemento dos parques forestais, os grandes parques urbanos, as zonas verdes de rotondas, as medianas e xardineiras así como o conxunto do arborado da cidade.
Caballero lembrou que Vigo conta agora con máis zonas humanizadas o que supón que "cada vez é máis verde", o que require “dun maior mantemento". Como consecuencia, o servizo pasará de 110 a 146 traballadores, o que "significará unha mellor atención e una notable mellora das zonas verdes".
O alcalde, así mesmo, avanzou que na mesma Xunta de Goberno tamén se validou a licitación do novo contrato de mantemento e reposición de áreas de xogo, mobiliario urbano, fontes ornamentais, espazos recreativos de auga e parques caninos. Cun orzamento de 9,5 millóns para os próximos 5 anos, as arcas municipais adicarán ao ano preto de 2 millóns. Este contrato permitirá atender 148 parques infantís, 7 máis que antes; un 7% máis de áreas biosaudables; un 34% máis de pistas deportivas, asi como case 4.000 bancos. Tamén está incluída neste expediente a conservación de fontes, paneis fotovoltaicos ou as piscinas de Samil.