Caballero salienta os traballos en materia de vivenda coa entrada en vigor do novo PXOM
O goberno local xa está a traballar na tramitación dos solos residencias nos que se prevé edificar 5.500 vivendas en 550.000 metros cadrados. “Ao redor de 4.000 desas vivendas terán algún tipo de protección”, afirmou o alcalde.

Desde hoxe as normas urbanísticas de Vigo réxense polo novo PXOM e o Concello xa está a traballar na tramitación dos solos residencias da cidade. Caballero informou neste primeiro día que esta acción supón o desenvolvemento de oito ámbitos privados e dous públicos para a construción de vivenda.
“Isto significa que imos edificar en 550.000 metros cadrados ao redor de 5.500 vivendas das cales 4.000 estarán sometidas a algún tipo de protección. Isto é o 12% do total do solo residencial”, informou o alcalde. Destes ámbitos, o máis avanzado é o de Santa Cristina, cun proxecto de urbanización. A este súmanse Castaña, Artística, Álvarez en Barreiro, Alfageme, Beiramar, Ofimático e Santa Cristina – Cantabria.
Caballero incidiu en que a débeda adquirida pola administración galega con Vigo ascende a preto de 5.000 vivendas por non construír, nos 17 anos do mandato do Partido Popular, unha media anual de 400 pisos de protección. “Débennos 5.000 e construíron 62 en chan cedido polo Concello”, afirmou ao recalcar que se a cidade contase con oferta de vivenda de protección os seus prezos serían máis accesibles.
O alcalde tamén puxo en valor que imos “máis que duplicar os parques e zonas verdes. Deste xeito, recalcou a ampliación da Guía, a Riouxa e Samil e a creación de novos espazos de esparexemento en A Salgueira, Severino Cobas, Cabral, Sárdoma, Redo do Eifonso, Oia, Clara Campoamor, Finca Matías e Coruxo. Tamén Vigo terá novos parques urbanos en Cantabria, Praza de España, Puerto Rico – Padre Feijóo, Martínez Garrido, Calvario, Santa Cristina, Cabral, San Roque, Santo Tomé, Quintela e Matamá. “Isto súmase ao gran eido do río Lagares”.
Caballero tamén subliñou a importancia das novas infraestruturas viarias contempladas no novo PXOM e novas dotacións deportivas e culturais. “Isto é o Plan. Lanzar a resolución do problema da vivenda en Vigo e refacer dotacións para reunións, deporte, cultural... Un plan excepcional que entrou hoxe en vigor e no que xa estamos a traballar”.