Vigo homenaxea aos alcaldes de Vigo e Lavadores fusilados o 27 de agosto de 1936
O alcalde de Vigo presidiu este mércores o acto de homenaxe aos alcaldes, diputados e sindicalistas da cidade fusilados o 27 de agosto de 1936 nun acto de memoria e compromiso cos valores democráticos.

O rexedor lembrou a “aqueles homes que tiñan un soño de democracia e liberdade; que soñaban cun Vigo distinto, cunha Galicia distinta e cunha España distinta en democracia”. Ese soño, subliñou, “foi afundido polo fascismo. Foron asasinados. O seu delito era ser demócratas e defender á cidadanía”.
No seu discurso, Caballero advertiu de que “estamos a vivir o revival daquel fascismo que provocou unha guerra tremenda e acabou co soño de liberdade hai 89 anos. Non hai desculpas para os que queren pactar e pactan cos que rememoran aquel disparate e aquel desastre”.
Nese senso, defendeu que “estamos aquí defendendo a democracia, dende o goberno ou dende a oposición. Cremos nun soño de democracia e nun progreso compartido”. Ao mesmo tempo, instou á cidadanía a permanecer alerta: “Temos que estar permanentemente defendéndoa, porque ten ameazas neste país e noutros que criamos inmunes. Somos conscientes de que vivimos tempos convulsos, con presidentes de estados que atemorizan con criterios semellantes aos do pasado. A nosa función debe ser, por riba de todo, defender a democracia”.
Caballero tamén lembrou a represión sufrida en Vigo nos primeiros meses da Guerra Civil: “Non só os fusilaron, fusiláronos aquí. Tiven a satisfacción persoal de dicirlle a un ministro do actual goberno que se librara da sentenza a un dos nomes que acabo de cita e que hoxe tamén homenaxeamos. Conseguiremos que se deixen sen efecto todas esas sentenzas. Aquel día dicíase que foron fusilados por estar en contra do réxime e por querer a democracia”.
Finalmente, o alcalde sinalou aos exalcaldes de Vigo e de Lavadores entre as vítimas da represión e asegurou que “a mellor homenaxe é seguir no traballo e na acción, seguir traballando pola cidade, por Galicia e por España, dende os valores constitucionais e cidadáns”.