Vigo suma 5 novos autobuses á flota do transporte público urbano
Caballero achegouse ás dependencias de Vitrasa para coñecer o novo modelo Solaris Urbino 12 Hybrid que xa está en servizo. “A idade media dos buses urbanos de Vigo é duns catro anos, será seguramente das máis baixas en comparación con outras cidades de España”, expresou.

Dous dos cinco novos vehículos xa están en circulación e o resto se incorporará os próximos días. O alcalde participou na presentación dos autobuses nas instalacións de Vitrasa, onde coñeceu o funcionamento e as características do novo Solaris Urbino 12 Hybrid.
Este novo modelo ten 12 metros de lonxitude, con piso baixo integral e tres portas dobres de acceso, deseñado para facilitar a entrada e saída dos pasaxeiros. A súa tracción é 100% eléctrica, complementada cun xerador diésel que permite unha redución do 30% no consumo de combustible e, por tanto, unha diminución equivalente nas emisións de CO₂, contando coa etiqueta ECO.
Este modelo prescinde de caixa de cambios, o que permite unha aceleración e deceleración lineal, mellorando notablemente o confort de marcha. Ademais, incorpora un sistema Start&Stop que apaga o motor nas paradas, contribuíndo a reducir a contaminación acústica e a mellorar a experiencia dos usuarios.
En canto á accesibilidade, o Solaris está totalmente adaptado para persoas con mobilidade reducida. Dispón dunha rampla eléctrica, dous espazos reservados para cadeiras de rodas e asentos diferenciados por cor para facilitar a súa identificación. Estas medidas aseguran que todos os usuarios poidan facer uso do transporte público en condicións de igualdade.
A seguridade viaria é outro dos puntos fortes deste modelo. O vehículo incorpora alcoholímetro para o arranque, sistemas de detección frontal e lateral de peóns e ciclistas, cámara e sensores acústicos de marcha atrás, cámaras de videovixilancia, espejos exteriores dixitais (cámaras), mampara de protección para o condutor, sensor de presión e temperatura nos pneumáticos, iluminación FULL LED interior e exterior, asistente intelixente de velocidade, sinal luminosa de frenada de emerxencia e un portal de ciberseguridade que garante a protección dos sistemas dixitais do vehículo.
Caballero informou que o ritmo de viaxeiros no transporte urbano está a medrar tras a baixada da pandemia. Caballero lembrou que Vigo ten un prezo moi competitivo, con gratuidades para os pensionistas e menores de 15 anos e “unha redución do prezo do billete moi considerable coa PassVigo”.

