O PXOM encara a recta final co envío do documento ao Boletín Oficial da Provincia
O Concello remitiu o Plan Xeral de Ordenación Urbana de Vigo ao Boletín Oficial da Provincia para a súa publicación, segundo avanzou este luns o alcalde. “Dentro de moi poucas semanas teremos a gran noticia en Vigo: apróbase o PXOM”, recalcou.

Abel Caballero apuntou hoxe que o novo Plan Xeral de Ordenación Urbana de Vigo, aprobado definitivamente pola Corporación Municipal o pasado 26 de maio, contempla a construción de 51.467 vivendas, das que 14.000 contarán con algún tipo de protección, e prevé o investimento de 865 millóns de euros.
O rexedor, tras lembrar que nos últimos 17 anos a Xunta construíu 65 vivendas de protección, destacou que o Concello impulsa a edificación “inmediata” de pisos de iniciativa pública con algún tipo de protección: 200 en Santa Cristina; 1.500 en Santa Cristina-Cantabria e 2.000 no Parque Ofimático. “Só nestes tres ámbitos, 4.200 vivendas de protección”, recalcou.
Caballero lembrou que en Guixar, Ferreiras-Bembrive, Batalla-Beade, Santa Cristina-Severino Covas, o 50 por cento das edificacións, un total de 750 pisos, serán de protección. A isto suma que se duplicarán o número de parques, xardíns, zonas verdes, de Vigo, xa que Vigo contará con 40 parques novos tanto para nenos e nenas como para maiores; ademais da construción de novos equipamentos como pavillóns deportivos como os de Bembrive ou Beade e para espazos de cultura como as escolas de música de Bembrive e de Oia e o novo Crac de Coruxo.
Muro Camiño Galindra
O Goberno municipal aprobou o proxecto de rehabilitación do muro de contención de peche do Camiño Galindra-Castrelos, coa finalidade de resolver un problema de seguridade e estabilidade da infraestrutura. O alcalde explicou que se trata dunha obra moi demandada, que acumulou un número importante de dificultades.
Ademais de contar cunha nova cimentación e estabilización, o proxecto do Concello contempla impermeabilizar o muro e canalizar a auga cara á rede de pluviais.