Escoitar

Caballero: “Este é un plan excepcional que esta cidade leva esperando décadas”

O novo Plan Xeral ten como prioridade a vivenda protexida, as infraestruturas verdes, o respecto ao patrimonio, a accesibilidade da cidade e o solo produtivo. Caballero defendeu esta mañá un documento que dará solucións ao Vigo dos próximos 50 anos. O novo Plan Xeral contou cos votos favorables do goberno, coa abstención do PP e o voto en contra do BNG.

luns, 26 mai 2025

O alcalde pechou a sesión plenaria na que se aprobou o PXOM cunha cualificando de “excepcional” o documento urbanístico aprobado só cos votos do goberno. Caballero celebrou a construción de 50.000 novas vivendas, máis de 14.000 con algún tipo de protección. “Imos participar activamente na construción de vivenda porque despois da experiencia que temos coa Xunta non temos confianza”, declarou. Alén diso, o rexedor detallou as zonas verdes coas que contará Vigo, que duplicará estes espazos en todos os ámbitos, en especial na contorna do río Lagares. Amais, defendeu actuacións en zonas onde son escasas as estas áreas, como Martínez Garrido onde o PXOM establece a parcela da antiga estación de autobuses como zona verde.

O PXOM tamén contempla espazos dotacionais, dialogados cos veciños e veciñas, como son as escolas de música de San Miguel de Oia e Bembrive, o novo espazo para o asociacionismo en Coruxo, instalacións e pavillóns deportivos, etc.

“Isto é o PXOM que precisa Vigo no 2025, actuando polo interese xeral e que permitirá que Vigo siga a ser por moito máis tempo a cidade con máis calidade de España”

Caride

“Hoxe importante é un día importante para a cidade de Vigo, para os que queremos vivir nunha cidade sostible, verde, solidaria, accesible, respectuosa co noso entorno que integra e respecta o noso pasado” así comezou a concelleira de Urbanismo, María Xosé Caride, a súa intervención na sesión Plenaria que validou de xeito definitivo o Plan Xeral. “Hoxe é un mal día para os especuladores. Un mal día para os que pretenden que o as intereses particulares están por riba do interese xeral da cidadanía”.

Caride defendeu un documento que “reforza o papel de Vigo como a cidade mais importante de Galicia”, o polo de actividade do Noroeste peninsular e a cidade con mais calidade de vida de España. Un plan xeral que, dende a iniciativa local e aínda que a competencia é autonómica, pretende garantir o acceso vivenda, máis que duplica o solo destinado a espazos verdes e zonas libres, incrementa en mais dun 30% as dotacións, mellora as infraestruturas e protexe o noso patrimonio, facendo do respecto o patrimonio industrial construído un sinal de identidade e unha oportunidade. Co obxectivo de converter os grandes contedores industriais do pasado nos grandes referentes culturais, sociais e polos de actividade dos próximos anos.

Insistiu en que o documento dá resposta ás necesidades económicas da cidade, planificando o crecemento de solo para actividades produtivas e terciarias e rexenerando os espazos existentes. Un plan para dar resposta á grande preocupación da cidadanía, o acceso a vivenda, propoñendo un plan de choque de vivenda a prezo taxado co obxectivo de responder aos máis de 6.000 demandantes de vivenda protexida ao tempo que se garante a promoción de vivenda a prezo taxado ao ritmo de construción da vivenda libre. Con capacidade para proporcionar 14.000 vivendas protexidas nos novos desenvolvementos de solo. O Concello deberá paliar a ausencia da Xunta que leva 12 anos desaparecida da promoción de vivenda protexida.

Adicionalmente, dixo, é PXOM equilibrado, onde as 51.467 novas vivendas propostas se distribúen en todo o Concello. O documento establece unha definición clara do uso residencial e tipifica os pisos turísticos e as vivendas de uso turístico como actividades económicas que precisan licenza municipal e que só poderán ser desenvolvidas en baixos ou edificios con acceso separado e para os que se prevé unha ordenanza específica de regulación.

Un plan para unha cidade que anticipa o cambio climático, limita o crecementos nas zonas inundables, planifica corredores de mobilidade sostible, reforza as actividades deportivas e saudables e “que non dá as costas o que aprendemos coa pandemia entendendo que precisamos espazos abertos e verdes en toda a cidade con dimensión axeitada”.

Deste xeito, os actuais 2.165.940 m² de zonas verdes e espazos libres que representan 7,21m2/habitante elevaranse a 4.808.748 m2 con unha ratio de 14,7 m²/ habitante no horizonte do PXOM, incrementándose un 122%. Esta duplicación de zonas verdes e espazos libres de sistema xeral, é dicir, dos grandes parques, prazas e avenidas da cidade esténdese ademais a toda a cidade.

Respecto dos equipamentos, explicou que aumentan en 900.000 m2. Entre outras dotacións, duplícanse os espazos para o deporte con actuacións como as de Balsa, Oia, Tomada, Avenida de Europa ou Saiáns, novos pavillóns deportivos en Beade, en Bembrive, Matamá, Cabral, Finca Matías, na Salgueira,. Espazo público que planificamos para todas as zonas da cidade para superar as deficiencias existentes a día de hoxe. Que permitirán construír as escolas de música de Bembrive e de Oia, xerar novas dotacións culturais e sociais en Coruxo, Valadares, ampliar o IFEVI, desenvolver a Panificadora, ampliar equipamentos en Monte da Mina, ampliar as dotacións do Meixoeiro, … Incrementando en mais dun 33% as dotacións existentes, con 2,6 millóns de m² de volume final.

Na súa intervención, Caride destacou que a aprobación definitiva do PXOM é o inicio da mellora nas dotacións, servizos, parques e construcións residenciais e empresariais que a cidade precisa. Lembrou que ao longo do proceso de información pública, presentáronse 4.502 alegacións, das que o 45% foron aceptadas total ou parcialmente. Esta porcentaxe elévase ao 77% se avaliamos so aquelas sobre as que non existen impedimentos legais os sectoriais. Un plan con moito menor rexeitamento co anulado plan do 2008 que tivo 60.000 alegacións, lembrou.

Logo da aprobación inicial emitíronse 30 informes favorables das distintas administracións competentes. Por primeira vez, o PXOM de Vigo conta con declaración ambiental estratéxica, informe de Patrimonio, informe favorable de Aviación Civil e de Augas.

Grupos

A oposición non apoio o Plan Xeral de Ordenación Municipal. Por unha banda, o Grupo do BNG votou en contra. Considera que “o novo Plan era unha oportunidade para rectificar o modelo urbanístico e que habería que apostar pola rehabilitación fronte a obra nova”. Por outra banda, o Partido Popular, que abstívose “por responsabilidade”, manifestou que non lle gusta o Plan “porque é pouco ambicioso”, pero que opoñerse “é ser cómplice das incertezas”.

O Grupo Socialista, no que os 19 edís votaron a favor, reivindicou que Vigo é a primeira cidade de Galicia cun PXOM adaptado á nova lei do solo. Amais, o voceiro Carlos López Font defendeu a aceptación por parte da cidadanía, que tan só presentou algo máis de 4.000 alegacións e o goberno aceptou na súa totalidade ou en parte o 45% delas. “Fronte a isto, o Plan do PP e o BNG con 60.000 alegacións”, recriminou. López Font afirmou que “o discurso do Partido Popular e o Bloque agocha que non queren que a cidade avance”. “Acabouse a especulación da que vostedes sodes herdeiros, nós somos herdeiros da vivenda pública”, afirmou.

Descargar todas as imaxes