Escoitar

O Pleno do Concello reclama á Xunta lealdade institucional na identificación das obras de mellora na cidade

O Pleno da Corporación de Vigo acordou hoxe, cos votos a favor do grupo socialista, a abstención do PP e a negativa dos edís do PP, instar á Xunta a respectar a lealdade e legalidade institucional, e a que non “oculte” a participación das administracións nas obras que se realizan na cidade, nin “patrimonialice” o financiamento dos proxectos nos carteis informativos institucionais que se instalan en cada unha das intervencións.

luns, 26 mai 2025

O Pleno do Concello aprobou hoxe a moción do grupo socialista reclamando á Xunta que “practique a lealdade institucional que debe prevalecer na colaboración entre administracións” identificando a participación financeira de cada unha nos proxectos que se desenvolven en Vigo, como o da humanización da Avenida de Galicia.

O portavoz do goberno municipal, Carlos López Font, lembrou que a pesar de que entre Goberno de España e Concello achegan 4,1 e 1,5 millóns, respectivamente, nos carteis da obra só aparece a administración galega cunha achega de 2,5 millóns. Para os edís socialistas, a actuación da administración galega, na identificación dun financiamento compartido entre tres administracións, evidencia que “o PP da Xunta non ten intención de investir nesta cidade e que segue discriminando a Vigo”, á vez que incidiu en que “os cidadáns deben coñecer de onde veñen as achegas porque é un signo de transparencia e, por tanto, deben cumprir coa legalidade”.

Carlos López Font incidiu en que a colaboración institucional que existe en numerosos proxectos que se desenvolven en Vigo “non se reflicte nos carteis que anuncian obras como a da Avenida de Galicia” a pesar de que é obrigatorio identificar as administracións que colaboran e as achegas financeiras que realizan.

O portavoz do goberno local denunciou que a actitude da Xunta de “ocultar” as achegas do Goberno estatal esténdese a toda Galicia e no caso de Vigo afecta ao Concello. “É vergoñosa a patrimonialización que a Xunta fai pola vía de publicitar e querer facer crer que é a única administración” investidora, afirmou ao reprochar que xera a confrontación entre administracións dun signo político distinto ao da Xunta.

Descargar todas as imaxes