Vigo insta á Xunta a instaurar medidas de apoio en Educación Infantil
A moción socialista, que se votou por puntos, foi aprobada na sesión ordinaria deste luns, reclamando á Consellería de Educación a reposición de prazas de Educación Infantil na cidade e a execución das reformas necesarias en centros como o Celso Emilio Ferreiro e o Chans Bembrive.

O edil de Facenda, Jaime Aneiros, defendeu no Pleno deste luns a necesidade de que a Xunta de Galicia abandone a “política educativa de recortes” en Educación Infantil que “vén realizando nos últimos anos” na cidade.
A moción socialista menciona, especificamente, os “ataques” sufridos polo Ceip García Barbón, que o ano pasado tivo que deixar fóra a moitas familias por falta de prazas, e polo Compañía de María onde a Xunta recortouunha liña de 4º de Educación Infantil, deixando a 20 familias fóra e afectado a “sesenta escolares en pleno proceso de matrícula”. Aneiros citou o agravio comparativo con Ferrol, onde a Consellería de Educación si ampliou un grupo de cuarto de infantil nun centro no que a demanda superaba á oferta: “no norte aplícase un criterio distinto ao do sur”, censurou, e lembrou que a Xunta “devolveu 23 millóns de euros de Fondos europeos para escolas infantís porque non se axustaban ao seu modelo educativo.
Así, na sesión plenaria quedou aprobada a moción instando á Xunta de Galicia a instaurar varias medidas: a reposición inmediata das prazas de Educación Infantil, tanto no ensino público como no concertado, que foron obxecto de recortes neste ano e nos anteriores. Punto aprobado polos votos socialistas, coa abstención do BNG e o voto en contra do PP.
En segundo lugar, o texto rexeita a actitude do Conselleiro de Educación que acordou o recorte de prazas e a devolución de 23 millóns de euros de Fondos Europeos dedicados á educación infantil, punto aprobado polo PSOE e o BNG co rexeitamento do PP.
Por último, o Pleno pide a construción de centros escolares públicos que palien a ausencia de horarios amplos de conciliación familiar e de escolarización en todas as etapas educativas e que se executen as reformas necesarias en centros como o Celso Emilio Ferreiro e o Chans Bembrive, punto aprobado cos votos favorables dos socialistas e nacionalistas coa abstención do PP.