O Concello aproba a reforma do inmoble da Biblioteca de Teis
A Xunta de Goberno Local dará luz verde este venres á obra de remodelación do edificio, situado na rúa Enrique Lorenzo, que ten un importe de 1.033.000 euros. Amais, avanza a obra de reforma da piscina de Teis, cun investimento de case 7 millóns de euros.

“Unha gran obra que arranca para Vigo e para Teis”, apuntou o alcalde, ao dar conta da aprobación na Xunta de Goberno deste venres do proxecto de reforma do inmoble situado na rúa Enrique Lorenzo número 54 que albergará a Biblioteca de Teis.
A obra ten un orzamento previsto de 1.033.000 euros e un prazo estimado de execución de 14 meses. Está prevista a demolición do inmoble, xa que o edificio actual non se pode manter polo seu estado ruinoso e a construción dun novo edificio de dúas plantas. No piso inferior, constituído polos servizos públicos, haberá unha zona exterior onde se dispoñerá de amplas zonas verdes para o lecer e no piso superior estará a sala de lectura. Haberá escaleiras e ascensor quedando o espazo completamente adaptado a persoas con problemas de mobilidade.
Tal e como explicou Caballero, a estrutura arquitectónica terá un deseño en liñas rectas, prefabricado de formigón branco e contará con grandes fiestras que permitan a entrada de luz natural.
Piscina de Teis
“Seguimos avanzando na construción da piscina de Teis”, adiantou o rexedor, coa aprobación da contratación do servizo de asistencia técnica á dirección da obra de mellora da piscina que será “practicamente nova” cun investimento de case 7 millóns de euros. Será “unha piscina para Teis e para Vigo”.
A actuación inclúe a renovación das fachadas, cambiando o revestimento de pedra por un con illamento térmico, o acondicionamento de dúas novas salas para actividades deportivas, a renovación total das instalacións polos novos requisitos normativos sobre consumo enerxético, maior eficiencia e usos de enerxías renovable.
Amais mellóranse os materiais de cuberta, renóvase completamente o sistema eléctrico, mellóranse os acristalamentos dos muros mediante vidros de baixas emisións, actúase na accesibilidade universal, amplíanse os aseos e vestiarios para persoas de mobilidade reducida, incorpórase dotación para persoas ostomizadas e mellórase a protección contraincendios.