O Pleno aproba a concesión das Medallas da Cidade e dos galardóns de Viguesas e Vigueses Distinguidos
O Pleno da Corporación aprobou este xoves, cos votos a favor dos grupos municipais do PSdeG-PSOE e do PP, as dúas Medallas da Cidade e a designacións das Viguesas e Vigueses Distinguidos, nunha sesión que abandonou o BNG durante as votacións.

A Corporación Municipal recoñeceu hoxe aos vigueses, empresas e entidades “con valores” e que, co seu traballo no ámbito social, contribuíron a facer de Vigo “a gran cidade” que é na actualidade. Así consta no acordo plenario aprobado cos votos dos edís socialistas e populares que referenda as súas propostas para a concesión da Medalla da Cidade e os galardóns de Vigueses Distinguidos de 2025, no acto organizado o vindeiro mércores 26 no Teatro García Barbón.
O voceiro do goberno municipal, Carlos López Font, detallou os méritos dos galardoados para recibir o máximo recoñecemento da cidade.
Medallas 2025
A Cooperativa de Armadores, Arvi, recibirá a Medalla da Cidade por converter a Vigo no “epicentro mundial da pesca” co traballo que desenvolve en todos os mares do mundo unha frota composta por 166 buques de 125 empresas armadoras.
A compañía de seguros La FE ve recoñecido o seu “servizo íntegro e asistencia a familias nos momentos máis difícil” prestado durante os seus cen anos de actividade na cidade, “mantendo sempre a súa vocación viguesa”. “A prestación dun servizo de seguros e unha cooperativa líder mundial merecen a medalla da cidade”, recalcou o portavoz do goberno municipais.
Viguesas e Vigueses Distinguidos
Os galardóns recoñecen, a título póstumo, as achegas realizadas á sociedade viguesa por tres persoas que se destacaron nos seus respectivos ámbitos sociais e traballo: Iván Martínez Santiago, presidente do Banco de Alimentos; Marta Souto, destacada polo seu compromiso a favor da lingua galega e do deporte, e Sergio Sanlés Domínguez, bombeiro falecido en acto de servizo en 2024, cuxo nome levará o novo parque de bombeiros, recibirán a distinción.
Os corpos de bombeiros e da Policía Local son galardoados a través dos 6 bombeiros e os 10 axentes da policía local que asistiron aos afectados pola DANA de Valencia son distinguidos por ser exemplo da “solidariedade “ de Vigo. Os 40 anos de achegas ininterrompidas na loita contra a droga, que marcaron un antes e un despois no narcotráfico tanto na cidade como en Galicia, fan merecedoras ás nais da Asociación Érguete do galardón. “Iniciaron a loita en 1985 e 40 anos despois seguen traballando de forma intensa na nosa cidade”, destacou o portavoz.
Entre os colexios distinguidos polo seu medio século de permanencia na cidade e por contribuír á formación de xeracións de viguesas e vigueses, atópanse o CEIP A Doblada e a Escola de Educación Infantil Vila Laura.
O Consello Municipal da Muller recibe o galardón, non só polo seu carácter pioneiro en todo o Estado Español, senón polo traballo desenvolvido ao longo de 31 anos para favorecer o encontro de asociacións e entidades que traballan a favor das mulleres en Vigo e é aglutinador de políticas a favor da igualdade de oportunidade das mulleres.
A Asociación de Dano Cerebral Alento ve recoñecido os seus 25 anos de traballo pola mellora da calidade de vida das persoas con afeccións cerebrais adquiridas. A Coral María Auxiliadora, con 50 anos de historia ve premiado o seu papel como “embaixadora de Vigo en actuacións en toda a xeografía galega”.
O CEO de Profand, Enrique García Chillón, recollerá o galardón polo peso da multinacional no sector pesqueiro, xa que conta con 24 barcos, 13 plantas de procesado, 3 plantas de acuicultura, presenza en catro continentes e un persoal de 5.000 traballadores en todo o mundo.
O xornalista vigués, Antonio Mínguez, recibe a distinción polo seu traballo na radio de Vigo desde o ano 1964 e como director de programas que forman parte da historia da radiodifusión da cidade.
O actor Antonio Segundo Durán Moreira, “Morris”, ve premiada a súa extensa biografía interpertativa.
A Corporación tamén outorga o galardón a Xesús Alonso Montero por ser “un dos ensaístas máis importantes de Galicia” das últimas décadas, que ademais de presidir a Real Academia Galega, destaca como “estudoso de vida e obra dos clásicos da literatura de Vigo”.
Os propietarios dos Multicines Norte, a sala máis antiga de Galicia, recibirán o galardón por manter “inalterable o espírito como cinema de barrio, herdeiro dunha longa tradición na cidade”, remarcou Font.