Escoitar

Concello e Renfe estudan propostas para acurtar o tempo de viaxe entre Vigo e Madrid

O alcalde mantivo un encontro este mércores con Álvaro Fernández Heredia, presidente de Renfe, que amosou a súa receptividade “ás suxestións feitas por Vigo”, entre as que figura a supresión dalgunha parada en Castela e León.

mércores, 19 mar 2025
O alcalde con Álvaro Fernández Heredia
O alcalde con Álvaro Fernández Heredia

Tras a reunión celebrada en Madrid, Abel Caballero trasladou a boa acollida que tivo a proposta municipal concreta para reducir os tempos de viaxe na ruta entre Vigo e Madrid en alta velocidade.

O presidente de Renfe, Álvaro Fernández Heredia, amosouse “moi receptivo” ás suxestións da cidade ao concordar en que o novo material rodante co que se está traballando permitirá “acortar os tempos de viaxe”.

No encontro, o alcalde e o presidente de Renfe fixeron un “planteamento detallado” dos tempo de viaxe, rutas e paradas dos catro trens directos que circulan nestes momentos entre Vigo e Madrid, considerando que o actual percorrido “está moi alongado por un excesivo número de paradas” en Castela e León que, segundo Caballero, “xa ten neste momento unha cobertura de trens moi importante procedentes do norte e de Galicia, polo que propuxemos suprimir algunha desas paradas”, o que permitiría reducir o tempo da viaxe.

En palabras do alcalde foi un “intercambio frutífero”, sobre un tema que é “a grande prioridade da cidade: a ruta Vigo-Madrid en alta velocidade no mínimo tempo posible”, e quedou acordada unha nova reunión, no prazo dun mes, para estudar novos tempos de viaxe nesta ruta.

Abel Caballero lembrou que o Ministerio de Transportes está avanzando no proxecto, xa que o prego de licitación da redacción do estudio informativo complementario da conexión entre Vigo e Madrid por Cerdedo está xa en mans da Avogacía do Estado e, unha vez informado, pasará á Intervención Xeral do Estado.

 

 

 

 

Descargar todas as imaxes