Marta Souto e Sergio Sanlés a título póstumo e Multicines Norte, Vigueses Distinguidos
O alcalde avanzou que o vindeiro xoves, 20 de marzo, terá lugar o Pleno Municipal de aprobación da concesión das medallas e títulos de Viguesas e Vigueses Distinguidos deste 2025.

O alcalde informou este luns que o goberno municipal poñerá o nome de Sergio Sanlés, bombeiro falecido en acto de servizo en 2024, ao novo parque de bombeiros da cidade. A decisión será aprobada pola Xunta de Goberno e quere recoñecer o valor deste profesional, que perdeu a vida nun “accidente laboral cumprindo co seu labor en defensa da cidade e merece que o seu nome estea no parque”.
Ademais, Sergio Sanlés será recoñecido, a título póstumo, como Vigués Distinguido. Desde o ano 2002, traballou no servizo de bombeiros da cidade, despois de formar parte da Policía Local desde o ano 1999. A súa vocación de servizo público quedou demostrada ao longo da súa traxectoria profesional. A gala celebrarase o vindeiro mércores, 26 de marzo no Teatro Afundación.
Abel Caballero deu conta tamén da concesión do galardón Viguesa Distinguida, a título póstumo, a Marta Souto González. Falecida en outubro de 2024, destacou polo seu compromiso en favor da lingua galega e da promoción do deporte. Licenciada en filoloxía galego-portuguesa, o alcalde destacou a súa “carreira notable” como responsable do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo, impulsando numerosas accións en favor do galego, promovendo o seu uso social e fomentando a recuperación da toponimia tradicional. Foi delegada provincial da Consellería de Cultura e Deportes e, en 2007, asumiu a Dirección Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, converténdose na primeira muller en liderar institucionalmente o deporte galego.
Tamén será Vigués Distinguido Multicines Norte; fundado en 1982 como empresa familiar, unha condición que aínda mantén, é a multisala máis antiga de Galicia e segue mantendo o seu espírito de cinema de barrio. Nas súas catro décadas de historia foi unha referencia cultural para a cidade, especializado en cine de autor e independente, apostando fundamentalmente pola versión orixinal subtitulada.
O Pleno Municipal de aprobación da concesión das medallas e títulos de Viguesas e Vigueses Distinguidos deste 2025 terá lugar o vindeiro xoves, 20 de marzo.