Escoitar

Unha sentenza confirma que “non houbo inactividade en relación ao control de ruído no Nadal”

Abel Caballero incidiu “que o xuíz é contundente e nega toda a razón ao denunciante e falla a favor do Concello”.

luns, 17 mar 2025

O xulgado do contencioso administrativo nº2 de Vigo vén de desestimar o recurso contra o Concello en relación aos niveis de ruído na campaña de Nadal 2022/2023. Abel Caballero explicou que o xuíz “nega toda a razón ao denunciante e dálle a razón ao Concello”

O demandante afirmaba que o Concello tiña permanecido inactivo e sen adoptar medidas para mitigar ata un nivel aceptable o ruído provocado polo Nadal, cuestión que rexeita a sentencia na que o xuíz explica que “desde unha perspectiva ex ante, sobre o papel, non pode afirmarse que polo Concello de Vigo se tivera ignorado a cuestión do ruído nas festas de Nadal, non houbo inactividade, porque se prestou especial atención aos pregos dos contratos que contemplan con detalle as obrigas que debe cumprir o adxudicatario en materia de limitacións acústicas”.

Amais, o texto destaca “que o Concello traballa cunha previsión concreta sobre distintos aspectos orientados a preservar os obxectivos de calidade e emisións acústicas, incluso medidas orientadas a evitar aglomeracións de persoas no entorno das atraccións”.

Polo tanto, o xulgado entende “que non houbo inactividade por parte do Concello de Vigo en relación ao control do ruído das festas de Nadal, tal e como se tiña denunciado”. Para Caballero “a sentenza é contundente, absolutamente contundente, e supón un varapau para o intento do PP e o BNG de pechar o Nadal”. Amais, o alcalde lembrou que estamos a falar dunha denuncia de hai dou anos “e o Nadal continúa e cada vez mellor, como todo Vigo sabe”.

Descargar todas as imaxes