Apertura das xornadas formativas "A violencia económica exercida sobre as mulleres"
O alcalde participou na inauguración deste encontro no que expertas na materia afondarán neste problema reivindicando os dereitos económicos das mulleres e a necesidade da formación dos profesionais de distintos campos. As xornadas, organizadas polo Concello dentro da programación do 8M, contaron coa presenza de Aina Calvo, secretaria de Estado de Igualdade e contra a violencia de xénero que disertou sobre a situación actual de todas as formas de violencia económica, desde a perspectiva das institucións.

Abel Caballero puxo en valor o nivel das poñentes que participan nestas xornadas formativas e trasladou o seu desacougo polo feito de que a ultradereita silencia as violencias machistas en España.
A sala de conferencias de Afundación acolle durante dous días a charla de recoñecidas expertas en igualdade que abordarán a violencia económica que se exerce sobre as mulleres. A mesa redonda “Violencia económica, sistema de dominación e submisión e control sobre as mulleres” contará coa participación da Catedrática de Económicas da Universidade de Vigo, Xulia González, da Catedrática en Dereito Laboral da Universidade de Castela A Mancha, Luz Rodríguez e da xornalista Montserrat Boix Piqué.
O xoves 20 está programada a mesa redonda “Medidas e retos para combater a violencia económica”, con Miguel Lorente, ex-delegado do Goberno contra a violencia de xénero, Tania Yugueros educadora social, e María Durán, corredactora da primeira proposición da lei integral. A conferencia sobre “A violencia económica dende a perspectiva xudicial”, de Lucía Avilés, maxistrada titular do xulgado penal 2 de Mataró e vogal do Consello Xeral do Poder xudicial, pechará as xornadas.