O goberno municipal avanza na contratación da obra de reforma da piscina de Teis
A Xunta de Goberno Local deu luz verde á contratación do servizo de coordinación de seguridade e saúde das obras de mellora da piscina de Teis que ten un orzamento de 6.977.000 euros

“É un dos últimos trámites administrativos”, apuntou o alcalde, logo de seren adxudicadas as obras no mes de decembro. “Imos facer unha grande piscina cun investimento de 7 millóns de euros e imos ir a uña de cabalo para facela o antes posible porque sabemos que hai unha grande demanda”.
O incendio que sufriu a piscina de Teis no ano 2022 provocou grandes danos, polo que é preciso acometer unha reforma integral que inclúa a renovación das fachadas, cambiando o revestimento de pedra por un con illamento térmico, acondicionamento de dúas novas salas para actividades deportivas, a renovación total das instalacións polos novos requisitos normativos sobre consumo enerxético, maior eficiencia e usos de enerxías renovable. Amais mellóranse os materiais de cuberta, renóvase completamente o sistema eléctrico, mellóranse os acristalamentos dos muros mediante vidros de baixas emisións, actúase na accesibilidade universal, amplíanse os aseos e vestiarios para persoas de mobilidade reducida, incorpórase dotación para persoas ostomizadas e mellórase a protección contraincendios.
Ludoteca de Teis
O alcalde deu conta tamén da aprobación da subvención, mediante convenio coa Asociación Veciñal e Cultural de Lavadores, para financiar a actividade da ludoteca con 28.000 euros. Deste xeito o Concello, contribúe ao desenvolvemento do programa de dinamización infantil e xuvenil para nenas e nenos de 6 a 12 anos ofrecendo programación e atención diaria, nun espazo de lecer educativo, de forma totalmente gratuíta, favorecendo a conciliación das familias.