O alcalde inaugura as obras de humanización da rúa Val Miñor
Durante o acto Caballero avanzou que o Concello estenderá as melloras á área da Bancada de Gol cando acabe a construción. “Todo o espazo de Balaídos está a converterse nunha área arquitectónica e con altos niveis de humanización"

O alcalde, acompañado de Carmela Silva, primeira tenente de Alcaldía, e de Javier Pardo, concelleiro de Fomento, inaugurou hoxe as melloras realizadas na rúa Val Miñor, situadas na contorna das bancadas de Tribuna e de Marcador. “Unha zona enteira, amplísima de 7.500 metros cadrados, humanizada e ampliada para uso peonil”, recalcou.
A reforma acometida polo goberno municipal contempla a ampliación das beirarrúas, a creación dunha gran praza, ademais da mellora de todas as infraestruturas de servizos da zona.
Caballero lembrou que a obra requiriu implantar máis dun quilómetro e medio de novas tubaxes para recoller as augas pluviais e as escorrentías. A isto súmase a instalación de nova iluminación pública, con 41 novos puntos de luz, ademais de 28 árbores novas.
O alcalde explicou que, ademais de papeleiras e bancos, instaláronse un novo elemento de mobiliario urbano en forma de letras escultóricas co nome de “Balaídos”, que se iluminarán de noite.
Tres novos semáforos en Fragoso
Caballero anunciou a entrada en funcionamento de tres novos semáforos nos números 42, 73 e 87 da rúa Fragoso.
O Concello investiu 50.000 euros para responder á petición expresada polos veciños da zona, segundo recalcou o alcalde.


