Escoitar

Vigo opta a fondos FEDER para o Plan de Actuación Integrado na Gran Vía - Castrelos - As Travesas

O alcalde deu conta da aprobación en Xunta de Goberno do Plan de Actuación Integrado Vigo Vertical As Travesas - Castrelos cun importe de 20 millóns de euros, dos cales se solicita un financiamento de 12 millóns con fondos FEDER. A principal actuación consiste na construción das ramplas mecánicas entre Plaza América e Praza de España.

mércores, 26 feb 2025

O Concello presenta o Plan de Actuación Integrado á convocatoria dos fondos europeos FEDER no que se enmarca o Vigo Vertical Gran Vía – As Travesas – Castrelos. A Xunta de Goberno aprobou un proxecto de 20 millóns de euros para as ramplas mecánicas de Gran Vía e outras accións de mobilidade, culturais, comerciais e sociais. Dos 20 millóns, o goberno local solicita 12 de fondos europeos e o Concello financiaría os 8 restantes.

Abel Caballero subliñou que o PAI Vigo Vertical Gran Vía – As Travesas – Castrelos "supón un novo fito para seguir transformando a cidade de acordo aos criterios da Axenda Urbana de Vigo, cos criterios de accesibilidade, mobilidade sostible e a posta en valor do patrimonio natural e cultural".

O alcalde explicou que neste marco, a proposta máis destacada é a construción das ramplas mecánicas da Gran Vía, entre Praza América e Praza de España. Amais, o proxecto conta con outras actuacións na zona das Travesas e Castrelos como a transformación do complexo deportivo das Travesas para a mellora da eficiencia enerxética, actuacións en materia de vivenda a través da Oficina de Rehabilitación, dinamización comercial “para evitar a desertización do comercio en varias zonas porque o comercio de proximidade é imprescindible na modernización das cidades”, humanización da contorna da rúa Gerona, humanización da contorna do pavillón deportivo e tamén das rúas Manolo Martínez e Tranviarios, novo carril bici que conectará Praza América co Parque de Castrelos, rehabilitación do Museo Liste e o Pazo Quiñones de León, mellora ambiental e adecuación ao cambio climático do parque de Castrelos, adecuación da contorna de Santo Tomé de Freixeiro, dixitalización do patrimonio cultural, PassVigo como sistema de pago NFC para o seu funcionamento en móbiles e outros dispositivos electrónicos, adquisición de autobuses eléctricos para o transporte público e a electrificación das cocheiras municipais.

“Melloramos a mobilidade peonil, somos un modelo para as cidades en montaña”, manifestou o rexedor.

Descargar todas as imaxes