O alcalde anima ás nenas a que “non descarten os estudos de ciencias e tecnoloxía”
O Concello celebrou este martes o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia cun acto no Verbum no que participou alumnado de centros de educación Primaria e Secundaria da cidade.

Abel Caballero saudou ás nenas e nenos que participaron na actividade e trasladoulles a importancia de que “ningunha nena descarte a priori as carreiras de ciencias. Todas as rapazas teñen toda a posibilidade de chegar a ser grandes científicas e facer a súa carreira no mundo da tecnoloxía e da ciencia”.
No acto, no que participaron 172 alumnas e alumnos de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º de Secundaria dos CEIP Illas Cíes e Valle Inclán e dos institutos Rosais 2, Alexandre Bóveda e Álvaro Cunqueiro, a doutora en Ciencias Biolóxicas e divulgadora científica Patricia Barciela Durán falou sobre a figura da muller e as nenas na ciencia. Amais, varias investigadoras da Universidade de Vigo realizaron obradoiros científico-tecnolóxicos e experimentos para alentar ás nenas a interesarse pola ciencia e a tecnoloxía.

