O servizo de Teleasistencia atendeu a 782 persoas en xaneiro
O pasado mes de xaneiro o servizo de Teleasistencia do Concello de Vigo proporcionou atención a 782 persoas, a maior parte mulleres de entre 86 e 90 anos que viven soas, segundo explicou este martes Abel Caballero, ao recalcar que “realizamos un traballo extraordinariamente importante”.

O alcalde detallou hoxe que entre os apoios prestados en xaneiro polo servizo municipal de Teleasistencia atópanse a resposta aos 72 avisos de emerxencias sanitarias e sociais.
Caballero apuntou que, ademais das chamadas por temas urxentes, o servizo municipal atende a todos os non urxentes como a felicitación polos aniversarios ou para interesarse polas persoas que foron ingresadas nun centro hospitalario ou que se atopan de viaxe.
Entre os temas que centran a actividade da axenda do servizo atópanse as chamadas de recordatorio de tratamentos médicos e farmacolóxicos. “Coa Teleasistencia realizamos o traballo de atención a persoas, maioritariamente mulleres de máis de 86 anos que viven soas e que son autosuficientes e que en moitos momentos requiren un servizo de atención especial”, recalcou o rexedor tras lembrar que o servizo “é totalmente gratuíto en Vigo, mentres que no da Xunta ten que pagar”.
Albergue
Abel Caballero anunciou este martes o inicio das obras de renovación do tellado do albergue municipal, por valor de 239.000 euros, que mellorarán a impermeabilización do edificio e as condicións de eficiencia enerxética. “É unha obra moi respectuosa coa estrutura arquitectónica do edificio que é de gran valor arquitectónica”, apuntou o rexedor.
“Seguiremos dando acomodo e comida no albergue municipal a persoas, atendidas co respecto e a dignidade que se merecen”, afirmou.
O alcalde lembrou que Vigo é a única cidade de Galicia que conta cun albergue municipal para as persoas sen teito. “Ningunha cidade gobernada polo BNG ou polo PP teñen un albergue”, recalcou Caballero ao lembrar que o Concello destina cada ano máis de 1.100.000 euros, aos que hai que sumar as obras de mantemento e adecuación.