Escoitar

O goberno de Vigo inicia a modificación da ordenanza de tramitación de licenzas urbanísticas

O alcalde avanzou este venres que o obxectivo municipal con este cambio da normativa é dar axilidade ao trámite de concesión de licenzas urbanísticas, amais de adaptar a norma aos cambios lexislativos dos últimos anos.

venres, 31 xan 2025

“Queremos que sexan o máis áxiles posibles e imos aproveitar toda a nova lexislación para darlle axilidade” a este procedemento, explicou Caballero, ao dar conta do inicio do proceso de modificación da ordenanza reguladora da tramitación de licenzas urbanísticas.

Amais da mellora nos tempos de concesión das licenzas urbanísticas, a modificación da ordenanza permitirá adaptala á lexislación aprobada nos últimos anos, como por exemplo, as reformas introducidas pola Lei de acompañamento dos orzamentos. “Debemos incorporar tódalas posibilidades legais para dar axilidade”, engade o rexedor.

O Concello abrirá un período dun mes de consulta pública onde a cidadanía e os colectivos afectados pola norma poderán facer suxestións para a mesma e, o vindeiro martes, a concelleira de Urbanismo e o Xerente reunirase cos colexios profesionais de arquitectos, aparelladores… para recoller as súas achegas ao texto. Unha vez recollidas as suxestións, o goberno municipal iniciará a redacción do texto definitivo, que seguirá a tramitación administrativa ordinaria para ser aprobado.

Axudas vivendas baleiras

O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra publica este venres as bases reguladoras e a convocatoria de axudas a vivendas baleiras para alugueiro a prezo taxado para os anos 2024-2025. O programa municipal ten un orzamento de 300.000 euros e contempla axudas de ata a 8.000 euros para realizar obras de acondicionamento nas vivendas, para o pago dos seguros multirisco ou para o pagamento do 100% do certificado de eficiencia enerxética.

O alcalde explicou que en Vigo hai unhas 12.800 vivendas baleiras, que poderían saír ao mercado de alugueiro e “se conseguimos mobilizar unha parte destas vivendas para alugueiro a un prezo razoable, faremos un gran servizo á cidade”.

Descargar todas as imaxes