Abel Caballero agradece ao Goberno de España o seu compromiso coa liña de alta velocidade Vigo-Porto
O alcalde recalcou hoxe que a confirmación realizada esta semana en Galicia polo secretario de Estado de Transportes e Mobilidade Sostible, José Antonio Santano, de que España “estará a esperar” no Miño a chegada a Valença da alta velocidade ferroviaria lusa é a confirmación de que “chegaremos nós” antes que Portugal, “porque imos moito máis adiantados”.
O alcalde sinalou este xoves que a data para España do final da construcción da liña de alta velocidade ferroviaria Vigo-Porto é o ano 2030, mentres que para Portugal está fixada en 2032. “España está preparada para esa data e estará esperando a alta velocidade na parte española do norte do Miño a que chegue a parte portuguesa”, afirmou.
Caballero agradece e recoñece ao secretario de Estado de Transportes e Movilidad, José Antonio Santano, que “tomase moita nota” da recente reunión mantida con el ao confirmar a data de 2030 para finalizar a liña ferroviaria de alta velocidade Vigo-O Porto, "para a que España estará en prazo", e que se está a acelerar o estudo informativo para que estea listo o próximo verán “que é o que lles pedín, que o acelerasen todo”.
O rexedor destacou que Santano tamén afirmou que España vai moito máis adiantada na execución do proxecto ferroviario que Portugal, porque dixo “literalmente, que cando Portugal chegue coa alta velocidade desde O Porto ata Valença España teráa esperando no Miño, co que chegaremos nós antes ao río que Portugal”.
Caballero indicou que “a ver se Mariano Rajoy, que non fixo nada, Rueda, de presidente da Xunta, e Feijóo, de presidente do PP, convencen a Portugal para que acelere e estea na fronteira portuguesa no ano 2030, porque España está preparada para iso e estará a esperar na parte do norte do Miño para que chegue a parte portuguesa”.