Os museos municipais recibiron 292.185 visitantes en 2024
O alcalde puxo en valor o “incremento importantísimo de case un 11%” das visitas á rede municipal de museos ao longo do ano pasado cunha “suba xeneralizada” en tódolos espazos.
“En Vigo queremos ser cidade da cultura” afirmou Abel Caballero ao facer balance da actividade dos museos municipais ao longo do ano 2024, que rexistraron un “incremento importantísimo de case un 11%” no número de visitas. En total, 292.185 persoas atenderon as propostas da Rede Municipal de Museos.
Tal e como apuntou o rexedor, a suba foi xeralizada en tódolos espazos. Así a Casa Galega da Cultura recibiu en 2024 un total de 11.492 visitas, a Casa das Artes 157.646 e a Pinacoteca Francisco Fernández del Riego 7.103 visitas. O Museo Municipal Quiñones de León recibiu 30.021 persoas, o Museo Verbum 16.087, o MARCO 61.745 persoas e a Fundación Liste 8.091.
O obxectivo municipal para este ano 2025 é “continuar co incremento de visitantes” con varios feitos destacados como a presentación da colección municipal de arte contemporánea na Casa das Artes, a presentación da programación do centenario da doazón do Pazo Quiñones de León e a as actividades didácticas na rede de museos. Amais, o incremento dos horarios de apertura ao público facilitará as visitas da cidadanía aos museos, valorou Caballero.