Escoitar

Abel Caballero chama a participar este xoves na manifestación en defensa da sanidade pública

Abel Caballero animou á cidadanía a participar este xoves na manifestación organizada pola Plataforma SOS Sanidade Pública, que leva por lema “Reconstruír a Área Sanitaria de Vigo”, para deixar patente o desacordo coa política sanitaria da Xunta de Galicia e reclamar máis recursos. A nova mobilización, que partirá ás sete da tarde desde a Praza de España, conta co apoio dos alcaldes da área, como se constatou na reunión mantida este martes na sede de Zona Franca. “Defendemos a saúde dos vigueses e por iso reclamamos unha sanidade acorde coa cidade”, afirmou o alcalde.

martes, 14 xan 2025

O alcalde ratificou este martes a demanda á Xunta de Galicia de dotar á área de Vigo cunha sanidade acorde ás necesidades da cidadanía, con maiores recursos en Atención Primaria e Hospitalaria para solucionar o problema das listas de espera, do déficit de profesionais e da desatención sanitaria.

O rexedor recalcou que a manifestación do vindeiro xoves conta con novos datos que reforzan as reclamacións, como o pago de 470 millóns de máis pola construción do Hospital Álvaro Cunqueiro, en paralelo co “empequenecemento” do proxecto inicial executado durante o mandato de Alberto Núñez Feijóo. “Ese diñeiro, dedicado á sanidade de forma correcta, significa unha gran mellora na cidade porque necesitamos máis profesionais, máis atención, máis recursos, diñeiro mellor xestionado e isto é o que en Vigo vimos padecendo desde hai décadas”, apuntou.

Neste escenario, Caballero advirte que “ata aquí chegamos!” coa política en Vigo de Alfonso Rueda, “que é aínda peor que a de Feijóo”, de aí a transcendencia da manifestación.

O alcalde agradeceu aos profesionais sanitarios os esforzos que realizan no seu traballo suplindo as carencias da administración galega “co seu propio esforzo” e dirixiuse ao presidente da Xunta para interrogarlle sobre a súa xestión para atender a sanidade, un dos maiores problemas. Incidiu tamén na importancia de participar na manifestación convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública da área de Vigo “porque estamos a defender a saúde das viguesas e dos vigueses” e porque “reclamamos unha sanidade acorde con esta cidade”.

Descargar todas as imaxes