Escoitar

O Concello aproba o servizo de intermediación na procura de vivendas a familias vulnerables

A Xerencia de Urbanismo validou este martes, coa abstención dos concelleiros do PP e do BNG, a proposta de asignación de recursos a organizacións e entidades sen ánimo de lucro para que intermedien e cooperen na procura de vivendas para as familias e persoas vulnerables. O alcalde aproveitou para lembrar que o Goberno de Vigo tamén aprobou recentemente unha liña de apoio para que os propietarios de vivendas baleiras oferten os seus inmobles en alugueiro, garantíndolles obras de arranxo e seguros de impago.

martes, 14 xan 2025

Abel Caballero explicou que, co acordo do Consello da Xerencia de Urbanismo de hoxe, o goberno municipal quere conseguir a cooperación das ONGs de Vigo na procura de alugueiros de baixo prezo para as familias vulnerables. O alcalde censurou a abstención do PP de do BNG na proposta do Goberno de Vigo para licitar este servizo de intermediación e acompañamento social para xestionar vivendas destinadas a persoas e familias en situación de dificultade. “O BNG e o PP dixeron non á medida solidaria do acompañamento na procura dun piso ás persoas con menos recursos”, recalcou Caballero. Durante a súa intervención, Caballero fixo referencia tamén á liña de apoio aprobada recentemente para que os propietarios de pisos baleiros saquen en alugueiro as súas propiedades. Trátase dunha convocatoria de axudas para o acondicionamento de vivendas baleiras para alugueiro a prezo taxado, que conta cun orzamento de 300.000 euros.

Dispositivo de frío

O Concello reactivou, desde a madrugada do 13 de xaneiro, o dispositivo municipal de frío para proporcionar un lugar de pernocta ás persoas vulnerables que se atopan en situación de rúa, segundo anunciou hoxe o alcalde. “Queremos que todo o mundo teña un lugar para durmir baixo teito”, defendeu o rexedor.

Abel Caballero lembrou este martes que o Concello de Vigo é o único de España que desprega un dispositivo similar que se activa con temperaturas inferiores a 8 graos. A oferta municipal contempla camas no albergue municipal e no de Santa Cruz, instalación coa que o Concello mantén un convenio. No caso de que a demanda de prazas sexa superior, ofértanse habitacións en hostais da cidade. “Non queremos a ninguén durmindo á intemperie con este frío”, recalcou o alcalde. En todo caso, a pesar da disposición municipal, hai algunhas persoas que rexeitan esta prestación ás que, desde a unidade de rúa, se lles ofrece comida quente ademais de vixilancia para garantir a súa seguridade.

Descargar todas as imaxes