Cinco millóns de cupóns da ONCE do luns 9 de decembro difunden a imaxe da rúa do Príncipe
Vigo protagonizará o luns 9 de decembro o sorteo da ONCE. A iniciativa que difundirá a imaxe da rúa do Príncipe a través dos 5 millóns de cupóns que saen á venda foi destacada polo alcalde durante o acto de presentación da iniciativa na que participaron o responsable en Galicia da Organización Nacional de Cegos, Manuel Martínez Pan, e o director da delegación de Vigo, Roberto Gaspar. "Como está Vigo no cupón vaise vender o nunca visto", chanceou Abel Caballero.
O alcalde trasladou aos directivos da ONCE, ademais do seu agradecemento polo sorteo dun cupón coa imaxe da rúa do Príncipe en Nadal, o apoio do Concello de Vigo "porque a vosa causa é unha causa xusta, que a cidadanía entende como social". O rexedor chamou a cooperar coa ONCE polo traballo que realiza.
A rúa do Príncipe debe o seu nome ao fillo da raíña Isabel II, Alfonso XII. É a rúa máis comercial da cidade de Vigo. É unha rúa peonil que se converteu no corazón comercial da cidade. A rúa comeza no farol de Urzaiz, situada na rúa do mesmo nome, e termina na praza da Porta do Sol. Foi inaugurada no ano 1861.
A serie ‘A pé de rúa’ fai un percorrido polas vías máis emblemáticas de 50 cidades, cheas de vida e de xente que as pasea dun lado a outro. O alcalde puxo de manifesto a importancia de que o cupón coincida coa tempada do Nadal, na que Vigo é referente.