O Concello inviste 1,6 millóns de euros na humanización de Pintor Lugrís, que inclúe dúas ramplas mecánicas
A Xunta de Goberno Local deu luz verde este luns á licitación da contratación das obras de humanización desta rúa, entre Álvaro Cunqueiro e López Mora, na que se instalarán dúas ramplas mecánicas.
Para o alcalde será unha “humanización excepcional” na que o goberno municipal investirá preto de 1,6 millóns de euros, cun prazo de execución de 12 meses e coa previsión de que a obra poida iniciarse entre os meses de marzo e abril de 2025.
Tal e como explicou, a humanización de Pintor Lugrís, entre Álvaro Cunqueiro e López Mora, supoñerá a mellora dun tramo de 123 metros de lonxitude, no que se instarán dúas ramplas mecánicas para facilitar a mobilidade peonil, e quedarán renovados de forma íntegra os pavimentos e servizos.
Amais, coa humanización, quedará ampliado o espazo de uso peonil ata 893 metros, pasando a un carril de circulación e aparcamento en liña, instalarase novo mobiliario urbano, creando 276 metros de novas zonas axardinadas e plantando 29 árbores. Tamén se renovará a rede de abastecemento e saneamento da auga e instalarase nova iluminación eficiente.