O Concello envía a Paiporta 10 efectivos da Policía Local
O Concello de Vigo continúa coa colaboración cos afectados pola DANA en Levante coa incorporación, a partir de mañá martes, de dez axentes da Policía Local aos labores de auxilio aos veciños de Paiporta. “Vigo segue presente na solidariedade”, afirmou Abel Caballero.
O alcalde anunciou este luns que o Concello de Vigo responde ao chamamento de colaboración realizado polo consistorio da localidade levantina de Paiporta coa saída mañá de dez axentes da Policía Local.
Caballero indicou que o grupo está conformado por un inspector e nove axentes, dotados cun equipamento completo. Desprazaranse nun furgón e un coche patrulla.
O rexedor lembrou que o pasado venres agradeceu aos bombeiros de Vigo o seu traballo en Puig, Paiporta e Catarroja, durante unha semana.