Os cemiterios de Pereiró, Lavadores e Teis acollen exposicións sobre a historia da cidade
O alcalde inaugurou as exposicións dos camposantos que versan sobre a historia dos cemiterios e os barrios de Vigo e outra dedicada ás mulleres que mudaron o mundo. A nova exposición de Pereiró amosa a través de paneis con fotografías e explicacións a historia e a actividade dos oito cemiterios municipais.
No día grande dos cemiterios e a celebración de Tódolos Santos, as persoas que visiten aos seus seres queridos atoparán exposicións sobre a historia da cidade nos camposantos de Pereiró, Lavadores e Teis. Abel Caballero acudiu á inauguración das exposicións que permanecerán á vista do público ata o 22 de novembro. Unha das novidades é a mostra de Pereiró, baixo o nome de “Vigo e os seus barrios”, varios paneis repasan a historia e a actividade dos 8 cemiterios municipais e dos barrios nos que se sitúan.
Caballero louvou a calidade dos paneis na súa visita ao cemiterio de Lavadores, onde a través de 16 paneis se amosan catro momentos da historia da cidade. No cemiterio de Teis a exposición está dedicada ás mulleres relevantes que mudaron o noso mundo.