Escoitar

Caballero anuncia a Milla Vigo+11 en Navia, que achega este domingo unha nova distancia ao Run Run Vigo

O alcalde presentou a última novidade que se incorpora ao circuíto municipal de carreiras populares, o Run Run Vigo, coa presentación do "cambio de denominación e localización da Vigo+11", que pasa a denominarse Milla Vigo+11 e que se disputará este domingo, desde as 10:30 horas, en Navia.

mércores, 30 out 2024
Momento da presentación celebrada no Concello
Momento da presentación celebrada no Concello

A proba, do grupo de carreiras fundadoras do Run Run Vigo, conta co patrocinio directo do Concello, pero tamén conta con achegas privada grazas a Máis que Auga e ao xornal Atlántico, como o ano pasado. E do MQA Coia na edición de 2023 pásase agora ao MQA Navia, porque tódalas probas, tanto as de adultos como as de nenos, celebraranse na rúa Lamelas, fronte ao complexo deportivo. "Estamos encantados con este cambio", dixo Caballero, que ademais precisou que a distancia será de 1.609 metros, "unha milla terrestre, porque as mariñas son máis longas".

O alcalde, acompañado polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández, a concelleira de Atención Cidadá, Patricia Iglesias, e o responsable do atletismo federado en Vigo, David Posada, avanzou así "unha nova forma de facer running na cidade". Posada, delegado en Vigo da Federación Galega de Atletismo, lembrou que este cambio se debe a que no calendario xa "había moitas probas de 10.000 metros" e ao desexo federativo de "atopar o sitio nun circuíto fantástico como o Run Run Vigo, ademais de que as carreiras poidan ser asumibles para todos".

No seu derradeiro día de inscrición están confirmados máis de 400 participantes, 250 deles nenos, "que son o futuro". A organización mostrou o seu orgullo por expor esta proba pois "nunca se fixo unha milla en Vigo, que é moi popular no resto de España e tamén noutros países".

Descargar todas as imaxes