Escoitar

O goberno de Vigo solicita para a cidade terreos que xa non teñen servizos portuarios

O Concello trasladou á Autoridade Portuaria as alegacións ao documento de Delimitación de Espazos e Usos ofrecendo “toda a nosa cooperación” co obxectivo de que esta nova delimitación permita un novo Plan Especial do Porto que resolva problemas reordenando os seus espazos e facilitando a integración porto/cidade. Caballero subliñou que o informe municipal reclama a incorporación ao planeamento municipal dos espazos que deixaron de prestar servizos portuarios.

xoves, 31 out 2024

O alcalde deu conta esta mañá da presentación do informe municipal ao documento de Delimitación de Espazos e Usos Portuarios aprobado inicialmente pola Autoridade Portuaria. Estas alegacións concíbense desde a cooperación e coa perspectiva de conseguir maiores usos para a cidadanía reordenando espazos, segundo explicou. A primeira das propostas “razoables” de desafección de zonas xa sen uso portuario atinxe a Bouzas, incluíndo as dúas mazás que conteñen o campo de fútbol do Rápido de Bouzas, o pavillón municipal deportivo, o centro social e o Instituto de Artes Escénicas. Na zona de Beiramar, proseguiu, estarían nesta situación todos os solos da marxe esquerda desta avenida, sentido Bouzas, sumando tamén a mazá enteira do Mar de Vigo.

No centro, tamén pasarían a ser regulados pola cidade os xardíns de Montero Ríos (na pegada estrita dos xardíns limitando coas antigas vías) e a Praza da Estrela sobre rasante. Tamén na Lagoa, un terreo no que agora se engade a parcela da antiga Vulcano, peza que en ningún paso debería acoller usos comerciais. En Teis, as praias existentes na zona da EDAR e o paseo público tamén pasarán a ser zona da cidade.

O Concello reclama estes espazos porque todos eles deixaron de prestar servizos portuarios e deberían incorporarse ao planeamento municipal aínda que segan sendo propiedade portuaria. O alcalde enfatizou a necesidade de impulsar o soterramento da Avenida de Beiramar para asignar un uso de interacción porto/cidade aos terreos sobre rasante, que tamén se sumarían á cidade.

Na súa opinión, o Porto de Vigo debe resolver as cuestións de acceso e conexión e garantir a suficiencia de prazas de aparcamento no ámbito do recinto portuario, problemas todas que a DEUP non aborda. Por exemplo e, entre outras, correspóndelle resolver a través dunha infraestrutura propia o acceso á zona deportiva de A Lagoa.

Nomeadamente, os espazos gañados ao mar recentemente fronte ao Auditorio Mar de Vigo cun recheo “destestable e indebido” deben ser cualificados cun uso de interacción porto-cidade para impedir a execución de edificacións fronte a esta instalación municipal. Outra das alegacións municipais mantén que debe estudarse a posibilidade de que o viaduto que cruza a Ría cara á zona portuaria Bouzas/VF20 ofreza tamén un acceso peonil.

Por último, Caballero incidiu en que a delimitación de espazos e usos portuarios debe recoller a existencia de bens de interese no recinto portuario tendo en conta, por exemplo, naves que están catalogadas.

O alcalde aclarou que as alegacións ao documento de Delimitación de Espazos e Usos conlevan “toda a nosa vocación de cooperación” co obxectivo de que esta nova delimitación permita un novo Plan Especial do Porto que resolva problemas, reordenando os seus espazos e facilitando a integración porto/cidade. Caballero ofreceu un pacto que para redactar o Plan Especial do Porto que garanta a viabilidade do Porto 50 anos “sempre que esteamos de acordo co plan de usos”.

Descargar todas as imaxes