Caballero: “Somos a cidade de España con máis solvencia financeira”
O alcalde detallou o informe da Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal, a AIReF, que sitúa a Vigo como unha das cinco cidades con máis solvencia financeira de toda España.
Abel Caballero puxo de manifesto o informe da Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal, a AIReF, que sitúa a Vigo como unha das cinco cidades coa situación económica máis favorable de toda España. “Somos a cidade con máis solvencia financeira de España”, afirmou. Así, detallou que o goberno local aproba cada ano desde a súa chegada á Alcaldía os orzamentos municipais. Tamén puxo de manifesto o pago a provedores, cunha media de 7 días, o que converte ao Concello nunha das administracións que máis rápido fai estas operacións. Tamén o alcalde louvou a débeda cero das arcas municipais e a baixa presión fiscal.
“Somos capaces de facer todo o que facemos na cidade, cunhas contas impecables. Investimentos masivos, atención cidadá, limpeza, becas, política social...”, dixo o rexedor.
“Vigo é a cidade da economía e queremos ser exemplo desde a economía do Concello”, concluíu.