Escoitar

O goberno municipal investirá 250.000 euros no campo de fútbol de Matamá

A Xunta de Goberno Local dará luz verde este venres á subvención para a renovación do céspede artificial do campo de Penedo da Moo e aos convenios con Novos Empresarios de Vigo e coa Asociación de Persoas Xordas de Vigo.

xoves, 19 set 2024
Panorámica da cidade desde Matamá
Panorámica da cidade desde Matamá

Abel Caballero avanzou este xoves que a Xunta de Goberno aprobará na sesión ordinaria deste venres a resolución da convocatoria de subvencións para a mellora dos campos de fútbol da cidade, que recolle un investimento de 250.000 euros para a renovación do céspede artificial “de última xeración” do campo de fútbol Penedo da Moo, onde xoga a Sociedade Cultural e Deportiva Atlántida de Matamá. Este ano o Matamá afronta a súa primeira temporada na Preferente Autonómica.

Tal e como explicou esta foi a única solicitude presentada e aceptada polo cumprimento das bases da convocatoria e apuntou que “queremos que os campos de Vigo estean en perfectas condicións para que -os equipos - desenvolvan o seu traballo”.

Convenios con Novos Empresarios e Asociación de Persoas Xordas

A Xunta de Goberno Local dará luz verde mañá venres ao convenio de apoio á Asociación de Novos Empresarios de Vigo e Mancomunidade para axudar a financiar os gastos de alugueiro do seu local social por un importe: 3.600 euros, para que poidan seguir desenvolvendo as súa actividades nese espazo.

Tamén quedará aprobado o convenio coa Asociación de Persoas Xordas de Vigo para axudar a financiar os gastos de contratación dun intérprete de lingua de signos que é “da maior utilidade” para o labor que desenvolve a entidade. Ten un importe de 7.059 euros.

Descargar todas as imaxes