O goberno municipal aproba obras na cidade por valor de 1,4 millóns de euros
A Xunta de Goberno Local dará luz verde mañá ás obras de afianzamento do muro e do talude do campo municipal de fútbol de Sárdoma-Moledo, ás obras do muro de contención do Parque Nelson Mandela de Navia e ás da cuberta da pista vermella das Travesas.

Abel Caballero informou este xoves da aprobación na sesión ordinaria de mañá venres da Xunta de Goberno Local do proxecto das obras de afianzamento do muro e do talude do campo municipal de fútbol Sárdoma-Moledo, “unha obra importante” que require dun investimento superior aos 718.000 euros para reparar e estabilizar o talude nunha parte do campo que se atopa moi danado. “O muro ten unha altura de 16 metros que precisa reforzo e afianzamento para deixar o campo en condicións”, apuntou.
Ademais, recibirá luz verde municipal o proxecto de obras do muro de contención no parque Nelson Mandela en Navia que ten un orzamento de 450.000 euros. O goberno local construirá unha bancada para integrar a parte superior do parque coa vía pública e, adicionalmente, na unión entre as bancadas e o novo muro, ergueranse unhas novas escaleiras que permitan o acceso peonil á parte superior do parque. Tal e como explicou o rexedor, o Concello executou xa a primeira fase da mellora do parque Nelson Mandela de Navia, cun investimento de 1,5 millóns de euros “para que estea nas mellores condicións”.
Cuberta da pista vermella
O alcalde avanzou este xoves que quedará aprobado tamén o proxecto da obra de substitución da cuberta do pavillón polideportivo da pista vermella das Travesas por un importe de 250.000 euros. A actual cuberta, que é “moi antiga, está deteriorada por humidade e choivas”, polo que cómpre a súa renovación cunha “cuberta nova cun gran lucernario en chapas de aceiro, que ofrecen a mellor cobertura”.
As obras do cambio da cuberta da pista vermella serán compatibles co desenvolvemento das actividades deportivas no resto de recintos do complexo das Travesas.