O alcalde presenta “Marea Muerta”, a terceira novela do vigués Nacho Carreras
A biblioteca municipal Neira Vilas acolleu o acto de presentación deste thriller, publicado por Roca Editorial do grupo Penguin Random House, que sitúa a súa acción nas Illas Cíes onde se produce un asasinato.
“Marea Muerta” é un thriller ambientado nas Illas Cíes, ás que chega a detective Nora Pardo para pasar uns días ata que se produce un asasinato na praia de Nosa Señora e que ela decide investigar. A idílica paisaxe convértese así no escenario dunha investigación policial que leva ao lector por diferentes camiños mostrando sempre a esencia das illas.
“É unha novela moi boa; que engancha, que é algo moi importante nunha novela”, sinalou o alcalde ao presentar o libro ao carón do seu autor, “e ten outro factor clave que son as Cíes, o mellor paraxe do mundo, onde se desenvolve o núcleo da novela coas gaivotas mesmo como protagonistas”. Abel Caballero destacou que a novela está narrada en primeira persoa pola protagonista con “boas descricións dos protagonistas e xiros argumentais que levan ao lector a onde non espera”. Quixo tamén felicitor ao autor e agradeceu a implicación do persoal da biblioteca na organización do acto de presentación do libro.
Nacho Carreras trasladou ao público asistente á presentación “o cúmulo de emocións” que sentía ao presentar o libro “na casa”, o reto que supuxo escribir a novela en primeira persoa e apuntou que o seu principal obxectivo á hora de escribir “Marea Muerta” era “entreter e conseguir que o lector se sinta identificado cos personaxes, neste caso con Nora Pardo, a protagonista. O escritor e xornalista, que actualmente traballa como guionista no programa “Mañaneros” de Televisión Española, convidou ás persoas asistentes á presentación a “coñecer a Nora, disfrutádea e tentade describir o xiro argumental despois do primeiro capítulo” e animounas a coñecer máis das Illas Cíes.