Escoitar

A Policía Local fórmase en rescate acuático na praia de Samil

O alcalde visitou este martes á trintena de axentes que participan neste curso de perfeccionamento en técnicas de rescate en augas abertas.

martes, 27 ago 2024

A Policía Local asiste estes días na praia de Samil a un curso de perfeccionamento de rescate acuático en augas abertas, que se inclúe no plan de formación continua do persoal.

Abel Caballero achegouse ao areal para coñecer de primeira man o desenvolvemento da formación que están recibindo os 32 axentes, integrantes do servizo de costa e praia do Concello. Reciben formación en RCP, DESA e tamén en condución segura en bicicleta, marisqueo, furtivismo, fondeo embarcacións así como en técnicas de socorrismo en piscina.

Sobre o curso apuntou que ofrece os coñecementos necesarios para preparar aos axentes de maneira que poidan realizar as actuacións de rescate e salvamento “con seguridade. “É un proceso de aprendizaxe de todo o que pode pasar na auga” e de tódolos riscos que poden darse nestas situacións. O obxectivo do goberno municipal é “ter policías preparados para actuacións destas características, pode ser nun peirao do Porto, en Samil ou en calquera praia da cidade”. Destacou tamén o importante papel que está xogando o dron que utiliza a Policía Local para axudar en tarefas de control e vixilancia.

Ao respecto da proliferación de paraventos na praia, o rexedor explicou que foi precisa a intervención da Policía Local informando á cidadanía sobre a normativa da cidade. “As persoas usuarias tiñan pouca información sobre a praia porque non son os habituais e pensaban que se podían poñer os paraventos e reservar espazos”. Tal e como sinalou, os axentes advertiron ás persoas que os estaban instalando e pola tarde quedou solucionada a situación polo que convidou á xente a “visitar en Vigo as 50 praias” que temos “que son todas aptas para bañistas”.

Descargar todas as imaxes