O Concello homenaxea aos alcaldes e sindicalistas fusilados en 1936
O cemiterio de Pereiró acolleu o acto institucional de recordo, homenaxe e recoñecemento aos “demócratas que deron a súa vida por defender a democracia” hai 88 anos.
Abel Caballero presidiu o acto en memoria dos alcaldes, concelleiros e sindicalistas que foron fusilados en agosto de 1936 en Pereiró, ao que asistiron familiares dos oito represaliados. “Hai 88 años neste cemiterio asasinaron a demócratas, a persoas que deron a súa vida por vivir en democracia e defender os seus principios, a liberdade e a dignidade”, declarou o rexedor, dirixíndose ás familias dos homenaxeados “que sufriron a dor da morte, a humillación da discriminación e a persecución durante tanto tempo da Ditadura fascista en España”.
O Concello homenaxea neste acto a Emilio Martínez Garrido, alcalde de Vigo; José Antela Conde, alcalde de Lavadores; Antonio Bilbatúa, deputado socialista; Enrique Heraclio Botana, deputado socialista e sindicalista; Apolinar Torres, sindicalista; Ubaldo Gil Santóstegui, concelleiro de Vigo; Ramón González Brunet, político e sindicalista e Ignacio Seoane Fernández, deputado socialista.
Durante a súa intervención no Xardín da Memoria Histórica de Pereiró, Caballero manifestou que con este acto “queremos mirar atrás e dicir que aquel horror nunca máis, aquelas mortes nunca máis, aquel dolor nunca máis”. Puxo en valor “o importante avance” da Lei de Memoria Histórica para que o que sucedeu e non pode volver suceder, non soamente non pode ser esquecido senón que debe ser rescatado como memoria colectiva”·
O alcalde trasladou “o noso recoñecemento e orgullo profundo pola memoria – dos represaliados- e seguiremos honrando a aqueles que deron a súa vida por defender a democracia”. Referiuse tamén á inmigración e á situación dos menores non acompañados que “encontran oposición a atopar un sitio neste país. Nenos que teñen que ser capaces de desenvolver a súa vida e ser atendidos con dignidade, e dígoo desde Vigo, unha cidade que viu saír durante tanto tempo a tanta xente que marchaba de aquí a outros países. Amosamos o noso respecto ás regras da atención a estes menores non acompañados que teñen que estar presentes en tódalas comunidades autónomas”.