“Un bosque de malas herbas” e “Todos os refuxios”, próximas propostas dos museos municipais
O concelleiro de Cultura, Gorka Gómez, presentou este xoves as dúas próximas exposicións da Casa Galega da Cultura e a Casa das Artes logo da convocatoria pública de proxectos expositivos 2024-2025 convocada pola rede museística municipal.
Na presentación celebrada no Concello participaron Gorka Gómez, Antía Iglesias, artista e comisaria de "Un bosque de malas herbas"; Sandra Muñiz, comisaria de "Todos os refuxios" e José Manuel Rey, xefe de museos do Concello de Vigo.
O edil de Cultura destacou “o éxito da convocatoria municipal e a calidade das propostas presentadas”, un total de 55 das que a comisión de valoración, “composta por personalidades relevantes do mundo da cultura viguesa”, seleccionou 8 que poderán verse nos próximos meses nos museos municipais. Este ciclo de exposicións na Casa das Artes e na Casa Galega da Cultura entre 2024 e 2025 “complementa e reforza a segmentación e especialización da rede municipal como icona da arte contemporánea xunto ao Marco e á Fundación Laxeiro” na cidade.
“Un bosque de malas herbas” é a mostra que acollerá a Casa Galega da Cultura, do 5 de setembro ao 8 de novembro, amosando unha selección das obras que durante catro anos de investigación coa que Antía Iglesias traslada a “potencialidade artística dos procesos científicos e exhibe os resultados materiais desenvolvidos coa materia prima, coas especies invasoras”. Tal e como explicou a artista e comisaria, trátase dunha “exposición híbrida que engloba os resultados científicos e artísticos da miña investigación de doutoramento do programa CREA da Universidade de Vigo, que mestura as áreas de Belas Artes e e Enxeñería Forestal e Química para elaborar un proxecto común no que afondei na concepción das especies exóticas e invasoras no río Umia”. Como resultado, tal e como explicou durante a presentación, a mostra “exemplifica que os límites das disciplinas están cada vez máis difusos e que é factible que a arte e a ciencia se acheguen en proxectos conxuntos”.
A mostra “Todos os Refuxios” poderá verse na Casa das Artes entre o 3 de setembro e o 3 de novembro. Sandra Muñiz Gómez, a comisaria, explicou que se trata dunha “exposición colectiva tomando a casa das artes como un espazo seguro, como un refuxio dos seis artistas” que son Fadi Houmani, Julia Huete, Lemos + Lehmann, Lucía Perdiz, Román Corbato e Ventura A. Pérez. A mostra ofrece as “perspectivas individuais dunha temática universal con son, instalación, téxtil, gravado, artesanía e temas máis contemporáneos nos que o espectador adopta un carácter activo tomando o espazo como lugar de descanso e de reflexión”, explicou durante a presentación.
Gorka Gómez rematou animando á cidadanía viguesa a achegarse a estas exposicións que abrirán ao público a próxima semana e animou a artistas e comisarios a concorrer á próxima convocatoria da rede municipal de museos.