Escoitar

O novo PXOM de Vigo prevé limitar o uso da vivenda turística

Abel Caballero informou esta mañá dalgunhas medidas que establecerá o novo Plan Xeral de Ordenación Municipal no ámbito da vivenda. Tamén destacou que dende o goberno municipal, “vimos de poñer en marcha un programa de axudas para potenciar e facilitar o alugueiro de vivendas baleiras na cidade”.

xoves, 4 xul 2024

O rexedor vigués valorou “moi positivamente” as medidas anunciadas pola ministra de Vivenda, Isabel Rodríguez, que propuxo establecer os mecanismos necesarios para non burlar, con vivendas turísticas, a Lei de Arrendamentos Urbanos (LAU), pero salvagardando os alugueiros de temporada que realmente o son, como no caso dos estudantes ou traballadores temporais. Caballero sinalou que a ministra “abordou a cuestión das vivendas de uso turístico, que producen algúns elementos indesexados moi importantes”.

“Unha vivenda de uso turístico non debe estar nun edificio residencial”, estableceu con contundencia o alcalde, indicando que, “teñen que ter tratamento de actividade económica, como os hoteis ou os hostais”.

PXOM

O novo PXOM incluirá limitacións á vivenda turística, establecendo o uso residencial cun carácter de permanencia, de tal forma que “as vivendas de uso turístico teñen que ter licencia de actividade económica terciaria”, aclarou Caballero, xa que provocan que “suban os alugueiros”. A maiores, limitan e regulan os lugares nos que se van poder situar estas vivendas turísticas coa garantía de acceso exclusivo para uso turístico, o que na práctica supón que non se van poder establecer en vivendas colectivas de uso residencial, a menos que garantan entrada independente.

Programa de vivendas

Caballero detallou que “desde o Concello de Vigo acabamos de poñer en marcha un programa de axudas para potenciar e facilitar o alugueiro de vivendas baleiras na cidade”, xa que en Vigo existen “case 13.000 inmobles vacíos”.

A intención do goberno local é fomentar o alugueiro de vivendas a prezo taxado coa aprobación dunha batería de propostas para promover a incorporación de pisos baleiros ao mercado, cun importe de 150.000€ anuais para o desenvolvemento do programa.

A duración mínima do contrato de arrendamento é de cinco anos e poderán formar parte deste programa inmobles desocupados propiedade de persoas físicas. Poderán solicitar axudas para poñer no mercado de alugueiro a prezo taxado vivendas que, cunha pequena inversión ou unha garantía aos propietarios, poidan ofertarse en alugamento.

A previsión é subvencionar ata o 50% do valor das obras de mellora e equipamento (pintado, reparación, modificación de baños e cociñas, mellora da instalación eléctrica ou cambio de ventás), cun máximo de 8.000 euros; o 100% do custo da emisión do certificado enerxético ou o 100% ou o 100% do contrato dun seguro de impago.

Descargar todas as imaxes