"Vigo seguirá tendo o mellor Nadal do planeta"
A Xunta de Goberno Local aprobou este venres a programación do Nadal 2024-2025 que permitirá iluminar 420 rúas da cidade con 11,5 millóns de luces led e coa premisa de “diminuír os efectos colaterais non desexados”.
O alcalde informou en rolda de prensa das principais novidades que prepara o Concello para o vindeiro Nadal: “haberá máis rúas iluminadas porque hai unha gran demanda cidadá para ampliar o número en todo Vigo”. Así, destacou que haberá unha pista de xeo na Praza de Vialia, haberá ornamentación na rúa Elduayen xa peonalizada e abrirase un mercadillo en Bouzas.
“Será un Nadal aínda máis importante que o do ano pasado, diminuíndo os efectos colaterais non desexados, polo que Vigo seguirá tendo o mellor Nadal deste planeta”. Caballero trasladou a súa ledicia por lograr que desde Vigo “fosemos quen de recuperar a celebración do Nadal en España”, xa que cando iniciamos a nosa festa “moitos concellos nin sequera o celebraban e agora fano todos e alégrome de que sendo unha tradición tan importante, Vigo recuperase o Nadal na forma de entendelo desde o século XXI”.
11,5 millóns de luces led
O Nadal de Vigo 2024-2025 contará con iluminación decorativa e artística en 420 rúas e prazas a través dos 11,5 millóns de luces led, 1.259 arcos ornamentais, 2.674 motivos ornamentais, 2.518 árbores iluminadas así como conxuntos de elementos para ornamentación de mercados, paraugas en prazas, rotondas, cruces de rúas, pérgolas, elementos escultóricos e edificios municipais. Amais, instalaranse elementos de gran porte transitables como a árbore xigante de Nadal que contará cun espectáculo de luz e son e 15 elementos lumínicos 3D (de 3 metros de alto en distintas rúas da cidade).
Haberá ornamentación con elementos figurativos distribuídos en diferentes zonas da cidade: 13 sets decorativos en Policarpo Sanz, Príncipe, Eduardo Iglesias, García Barbón, Elduayen e Barrio Histórico; 6 instalacións figurativas e decorativas lumínicas xeométricas transitables de gran porte en Policarpo Sanz, Gran Vía, García Barbón e 12 instalacións decorativas lumínicas non transitables de porte medio en Príncipe, Policarpo Sanz, Vía Norte, Urzáiz e García Barbón.
O goberno municipal organizará un ano máis o Belén Monumental en casa das Artes, o Cíes Market na Praza de Compostela coa estética habitual e atraccións como a noria, o tren turístico, o Mercado de Nadal do Calvario con casetas, 2 atraccións infantís e animación de rúa; así como outros espazos e actividades: carrusel clásico en Porta do Sol, pista de xeo e de Karts no aparcamento de Samil, 2 trens turísticos polo centro da cidade e a zona das Travesas, pista de coches de choque na explanada do Náutico e o circo de Nadal en Coia.
Amais, haberá mercado de Nadal na Alameda de Bouzas; pista de xeo, carrusel de estilo clásico e casetas de Nadal na Praza de Vialia e a caseta de Papá Noel e do Carteiro Real volverán situarse na rúa Policarpo Sanz, aínda que cun pequeno cambio de ubicación, tal e como explicou o rexedor. Papá Noel e o Carteiro Real visitarán as zonas comerciais da cidade: Balaídos, Torrecedeira, As Travesas, Calvario, contorna do Xeral, Travesía de Vigo, Teis, Bouzas, Coia e Navia e haberá animación de rúa con actuacións de pequeno formato
Abel Caballero sinalou que “seguiremos atendendo moito a acústica coidando de forma notable que a programación e os espectáculos cumpran taxativamente o límite que marca a lei”. Así, realizarase un estudo acústico das actividades programadas, de xeito que as empresas que organizan accións que poden xerar ruídos, deben presentar un estudo acústico previo á montaxe de equipos e instalacións susceptibles de emitir ruídos molestos para a cidadanía e que poidan superar as normas que recolle a Lei.
Medidas para o desenvolvemento da programación
O Concello realizará un estudo do tráfico para reordenalo e para facilitar fluidez e tránsito dos residentes das zonas afectadas especialmente pola aglomeración de persoas e en particular das persoas con mobilidade reducida. Amais, seguirá o control da contaminación acústica nas zonas de influencia da programación do Nadal cun “control total” reubicando ou eliminando todo o que produza ruídos que “non queremos que teña a cidade”.
O goberno municipal mellorará a sinaléctica informativa (aparcamentos, primeiros auxilios e sentidos de circulación nos carrís peonís), reforzará o servizo de limpeza e o control policial principalmente durante os días de gran afluencia e reforzará e habilitará zonas de aparcamento. Contémplase tamén a redución do horario de funcionamento das atraccións recreativas, de maneira que non se permite a súa instalación en Rosalía de Castro e Areal II así como tampouco a pista de xeo da Praza de Portugal e retiraranse as atraccións mecánicas recreativas máis ruidosas situadas en Areal, entre Colón e Pontevedra e na Praza de Compostela.
Tal e como explicou o alcalde, priorizarase a instalación de novas atraccións recreativas e exposicións didácticas destinadas ao público infantil en detrimento das destinadas a uso familiar e potenciarase o uso de sistemas de información visual e/o sonora que permiten adecuar o volume dos anuncios informativos aos niveis permitidos de emisión sónica para os avisos de inicio e fin das viaxes das atraccións. O Concello baixará o volume da música ambiente en todas as rúas onde está instalada e reducirá o seu horario de funcionamento e liberarase espazo de casetas do mercadillo na Praza de Compostela para facilitar a mobilidade suprimindo o escenario de concertos e limitando o volume do fío musical. Amais, non se iluminará o arborado catalogado da Praza de Compostela, iluminando unicamente o resto de exemplares.